Skip to main content

Formalízase o contrato das obras de rehabilitación do Pazo Episcopal do Museo Arqueolóxico de Ourense

Maqueta do proxecto de rehabilitación

O Ministerio de Cultura e Deporte, a través da Presidencia da Xerencia de Infraestruturas e Equipamentos de Cultura, vén de anunciar no BOE a formalización do contrato das obras de rehabilitación arquitectónica do antigo Pazo Episcopal do Museo. 

O pasado 4 de febreiro xa se publicara na plataforma de contratación do Estado o anuncio de licitación por un importe de 12.246.860,33 € (impostos incluídos). Resultou seleccionada a oferta presentada por COPASA, por un valor de 7.611.000,00 €.

As obras darán comezo en breve e o prazo de execución será de 30 meses (ata decembro de 2021).

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense é de titularidade estatal e xestión transferida á Xunta de Galicia. A súa sede é o Pazo do Bispo, situado na praza Maior de Ourense. No ano 2002 as instalacións e coleccións do museo trasladáronse de forma temporal ao Colexio de Santa María de Europa para posibilitar a realización de estudios arqueolóxicos e obras de reforma na sede. Iniciouse entón a redacción dun plan museolóxico encamiñado á consecución da rehabilitación do Pazo do Bispo e a posterior instalación dunha nova exposición permanente do museo.

O inmoble Pazo do Bispo foi declarado monumento histórico-artístico pola Lei do 3 de xuño de 1931 (GAC nº 155 do 04/06/1931). No ano 1962, cando xa o ocupaba o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, esta institución foi declarada monumento histórico-artístico polo Decreto 474/1962 do 1 de marzo de 1962 (BOE nº 59 do 09/03/1962), afectando a devandita declaración ao edificio que a albergaba, en tanto permanecese destinado á expresada finalidade. Pola Lei 16/1985 do patrimonio histórico español e pola Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia, o inmoble e o museo pasaron a ter a consideración de bens de interese cultural (BIC).