Skip to main content

Conmemoración do Día Internacional do Libro nos museos

Libros da campaña "Adopta un duplicado" do Museo das Peregrinacións

Tras dous anos de parón pola pandemia, retomouse a actividade de bookcrossing: unha campaña de solta ou liberación de libros preparada por centros de arte e museos de toda España que conta xa con varios anos de traxectoria. Os libros da bolsa de duplicados das súas respectivas bibliotecas son liberados coa intención de que quen os recolla goce da súa lectura e volva liberalos noutro punto distinto. Tamén se organizaron actividades diversas para resaltar esta celebración.

Bookcrossing nos museos

  • A biblioteca do Museo de Belas Artes da Coruña realizou tres actividades de bookcrossing. A primeira o venres 22 de abril: os libros foron acreditados con etiquetas, coas instrucións necesarias para facilitarlles ás persoas lectoras a súa participación na campaña, e están rexistrados na páxina web www.bookcrossing-spain.com, na que os/as lectores/as poden indicar os lugares onde liberarán cada exemplar unha vez lido. A segunda é un bookcrossing presencial: habilitouse un espazo na entrada do museo, onde as persoas interesadas poden consultar e recoller as publicacións achegadas para esta actividade rexistradas na web. A terceira é a súa participación nun vídeo colaborativo onde cada unha das bibliotecas participantes presenta un libro da súa colección.
  • O Museo Etnolóxico de Ribadavia liberou os seus libros nas rúas de Ribadavia, publicando os lugares e horas nas que se ía facer, ao igual que a biblioteca do Museo do Castro de Viladonga, que realizou tamén unha "Solta de libros" dende o xoves 21 ata o domingo 24 de abril.
  • O Museo Arqueolóxico de Ourense visibilizou unha publicación senlleira: o volume número cincuenta (Tomo L) do Boletín Avriense, publicación do Grupo Marcelo Macías vencellado a este museo dende o ano 1971. Tamén se amosaron varios exemplares do boletín e algunhas das pezas do museo que foron obxecto de estudo e difusión nesa publicación.
  • O Museo das Peregrinacións e de Santiago sumouse á iniciativa do bookcrossing liberando libros publicados polo museo nas rúas de Santiago, na súa maioría catálogos das exposicións. Os libros visitaron as prazas, as cafeterías, as facultades, as estacións e moitos outros espazos. Tamén presentou a experiencia “Adopta un duplicado" para celebrar o 23 de abril coa iniciativa de regalar un libro abrindo a bolsa de duplicados do museo. Os/as visitantes que acudiron á sede expositiva en Praterías puideron levar un de balde.

Ademais do bookcrossing ou liberación de libros, puxéronse en marcha outras iniciativas con motivo do Día Internacional do libro.

  • IntercambiArte con nós. O Museo de Belas Artes da Coruña ofrece esta actividade presencial entre os días 22 e 29 de abril na sala da biblioteca, en horario de 9:30 a 14:30 horas. Trátase de que o público intercambie publicacións co museo coa achega de catálogos ou publicacións que non figuran no catálogo da biblioteca do Museo de Belas Artes e que estean relacionadas coas súas áreas temáticas: arte, patrimonio cultural, restauración e conservación, lexislación cultural, museoloxía, didáctica… A cambio, o museo ofreceralles exemplares das súas publicacións e dos títulos incluídos na listaxe de duplicados da biblioteca.
  • Lectura en liña do catálogo da exposición temporal "Alejandro González Pascual. 1930-1993". O catálogo da exposición temporal dedicada ao pintor coruñés Alejandro González Pascual, que se celebrou no Museo de Belas Artes da Coruña do 18 de novembro ata o 3 de abril, poderá agora consultarse tamén a texto completo en liña.
  • Escolma de publicacións sobre a historia do libro. O Museo das Peregrinacións e de Santiago ofrece en liña unha selección de libros desta temática para resaltar outros fondos menos coñecidos pero demandados, ademais da temática de peregrinación.