Skip to main content

A Comunidade Autónoma de Galicia, membro activo do Consello Asesor do Observatorio de Museos de España

A Consellería de Cultura e Turismo participou na segunda xuntanza do Consello Asesor do Observatorio de Museos de España (OME) que se levou a cabo o 16 de decembro de 2019 no Museo de América, en Madrid.

Constituído en 2018, o OME é un proxecto liderado pola Subdirección Xeral de Museos Estatais do Ministerio de Cultura e Deporte para reforzar a cooperación cultural en materia de museos entre as Administracións públicas e ser fonte de información e coñecemento sobre a situación do sector dos museos en España. A través da recompilación/produción de datos, indicadores, estatísticas e demais ferramentas, transformadas en información útil, preténdese que sirvan para o deseño de políticas xerais; tamén de plans de actuación concretos para operar sobre a realidade destas institucións en orde á súa sostibilidade, mellora e cumprimento eficiente da súa función social.

O Consello Asesor do Observatorio

O Observatorio conta cun Consello Asesor formado polos representantes das comunidades autónomas designados polas persoas responsables dos museos nos seus respectivos territorios. Ademais, están representados a Igrexa e os distintos ministerios que teñen museos ao seu cargo.

Primeiras achegas do Consello en 2018

En representación da comunidade autónoma galega, e a través da Consellería de Cultura e Turismo, foi designada Nuria Serrano Téllez, xefa do Servizo de Museos da Xunta de Galicia. Na primeira reunión de novembro de 2018 expuxo na súa intervención unha análise do Sistema Galego de Museos e un diagnóstico estratéxico da situación dos museos de Galicia.

Entre as liñas de actuación propúxose a realización dunha web propia na que publicar todos os recursos e estudos propostos e a realización de informes do OME.

Reunión anual do Consello Asesor de 2019

Na reunión anual do OME do 16 de decembro de 2019 presentáronse os avances para a web oficial do Observatorio, un informe de lexislación comparada, a estatística bienal de museos e coleccións museográficas e o Directorio dos Museos de España.

Nesta ocasión a representante dos museos de Galicia expuxo as liñas xerais do Anteproxecto de lei de museos e outros centros museísticos de Galicia e as últimas novidades museísticas, entre as que destaca a apertura do Museo do Viño de Galicia impulsado pola Administración autonómica.