Skip to main content

Anxo Lorenzo inaugura a exposición fotográfica "O Camiño Francés en 360 graos" do hospitaleiro Goyo González

A mostra, aberta ata febreiro no Museo das Peregrinacións e de Santiago, está formada por 36 instantáneas que plasman a experiencia do autor percorrendo a Ruta Xacobea.

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, inaugurou a exposición "O Camiño Francés en 360º", formada por 36 fotografías panorámicas circulares realizadas polo hospitaleiro Goyo González durante máis de 10 anos nos que percorreu a Ruta Xacobea en diversas ocasións.

As instantáneas plasman o seu concepto tanto do Camiño como da propia peregrinación e os/as peregrinos/as, captando o que acontece ao seu redor. Trátase, polo tanto, dunha aproximación desde dentro a través da mirada de alguén que coñece a experiencia xacobea, tanto por ser peregrino como por tratar con milleiros de camiñantes durante os seus anos como hospitaleiro.

A mostra permanecerá aberta ao público ata o 16 de febreiro de 2020 no Museo das Peregrinacións e de Santiago, xestionado pola Xunta, en horario de martes a venres de 9.30 a 20.30 h, os sábados de 11.00 a 19.30 h, e os domingos e festivos de 10.15 a 14.45 h.