Skip to main content

Talleres experimentais de arquitectura contemporánea MIES É+ 2020/2021

Do 27 de marzo ao 28 de marzo do 2021 - 11:00h Talleres experimentais de arquitectura contemporánea MIES É+ 2020/2021 Dirixidos a nenos e nenas de 6 a 11 anos

O CGAC inaugura en outubro de 2020 a sexta edición do ciclo de talleres dedicado á arquitectura contemporánea para o público infantil cuxo obxectivo é proporcionarlles aos nenos e nenas as ferramentas e as claves necesarias para interpretar a arquitectura do noso tempo a través das teorías, os proxectos e os traballos dos arquitectos e arquitectas máis importantes dos últimos tempos.

O proxecto educativo baséase tanto na xeración de didácticas como no deseño de recursos a partir de todo tipo de materiais (madeiras, membranas, escumas, arxilas, combinados sintéticos, etc.) e exploracións no mundo inmaterial que permiten múltiples posibilidades combinatorias, formas, proporcións, xogos de equilibrio e estratexias de acción.

Nesta edición profundarán no pensamento dos grandes pioneiros co habitual acento nas pioneiras. Viaxarán entre os manifestos de Scott Brown e as conexións arte-industria de Gropius, apoiadas en metodoloxías de educación activa e experimental. As artes aplicadas terán un protagonismo especial da man de Margaret Macdonald e a visión artística estará ligada á parella formada por Christo e Jeanne-Claude, así como á figura de Yona Friedman. Os talleres de febreiro e marzo constitúen pois o particular tributo do CGAC a dous grandes talentos recentemente desaparecidos. Por último, abordarán a práctica do codeseño baseándose nas experiencias de Stanley King e Susan Chung en Vancouver. Pechará o programa anual un taller familiar sobre o activismo artístico e o compromiso coa visibilización da infancia da man de Palle Nielsen.

 

INSCRICIÓN
Todos os talleres son gratuítos. As persoas interesadas poderán inscribirse, dentro dos prazos establecidos, a través do correo electrónico cgac.educacion@xunta.gal indicando os seguintes datos: nome completo e idade dos participantes, número de teléfono e enderezo de correo electrónico de contacto, e nome do taller ao que desexan asistir. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición. As persoas solicitantes recibirán unha notificación por correo electrónico.

 

PROGRAMA TALLERES INFANTÍS 2020/2021

OUTUBRO. Denise Scott Brown. Aprendendo das Vegas

O manifesto arquitectónico a través dunha viaxe á arquitectura do lecer

Sábado, 24 de outubro. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos

Domingo, 25 de outubro. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos

Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 13 ao 23 de outubro

 

NOVEMBRO. Walter Gropius. Creando escola

Arte e industria: a educación experimental en arquitectura

Sábado, 28 de novembro. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos 

Domingo, 29 de novembro. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos

Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 16 ao 27 de novembro

 

XANEIRO. Margaret Macdonald. A obra de arte total

Sábado, 30 de xaneiro. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos

Domingo, 31 de xaneiro. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos

Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 18 ao 29 de xaneiro

 

FEBREIRO. Christo e Jeanne-Claude. Land Art

A intervención de edificios a escala natural

Sábado, 27 de febreiro. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos

Domingo, 28 de febreiro. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos

Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 15 ao 26 de febreiro

 

MARZO. Yona Friedman. A arquitectura móbil

Xogos de módulos, crecementos infinitos

Sábado, 27 de marzo. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos

Domingo, 28 de marzo. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos

Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 15 ao 26 de marzo

 

ABRIL. Stanley King e Susan Chung. Codeseño

Procesos de participación e análise crítica

Sábado, 24 de abril. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos

Domingo, 25 de abril. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos

Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 12 ao 23 de abriL

 

TALLER ESPECIAL PARA FAMILIAS

MAIO. Palle Nielsen. Infancia e activismo

A creatividade e a infancia como ferramenta de cambio social

Sábado, 29 de maio. Para familias con nenos e nenas de 6 a 8 anos

Domingo, 30 de maio. Para familias con nenos e nenas de 9 a 11 anos

Prazas: 5 familias / Prazo de inscrición: do 18 ao 28 de maio

O número de prazas dispoñibles para participar nas actividades do CGAC poderá variar en función dos posibles cambios normativos relacionados coa COVID-19.