Skip to main content

Peza do mes: Exploradores no Loña

Do 1 de outubro ao 31 de outubro do 2023 - 20:00h Peza do mes: Exploradores no Loña Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, dos documentais) para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor. A presentación terá lugar na sala de exposicións "Escolma de escultura", con entrada libre.

A protagonista deste mes é unha fotografía: “Exploradores no río Loña”, tomada por García del Villar arredor de 1914 que retrata un grupo de once exploradores, sobre unha ponte de fortuna, tendida sobre un río que atravesa un bosque de carballos e amieiros. A fotografía aporta gran información: o río parece ser o Loña, un dos lugares preferidos para realizar as excursións da Asociación dos Exploradores (ou Boy Scouts). Implantados en España dende 1911, foi unha asociación en expansión na primeira metade do século XX. No caso da Asociación en Ourense, as súas saídas e actividades vense recollidas en La Región, e os lugares preferidos ademais da Loña, eran Cabeza de Vaca, Mende e o Campo de Aragón.

A publicación virtual sobre esta obra está dispoñible neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre a historia desta Asociación en xeral e en Ourense en particular, e o contexto histórico no que se desenvolveu, nun estudio a cargo, neste caso, de Vicente Rodríguez Gracia.