Skip to main content

ARTE NA AULA. OS ARTISTAS CONTEMPORÁNEOS COMO PUNTO DE PARTIDA DE PROPOSTAS DIDÁCTICAS. CURSO DE EDUCACIÓN ARTÍSTICA (QUENDA 2)

12 de novembro - 10:00h ARTE NA AULA. OS ARTISTAS CONTEMPORÁNEOS COMO PUNTO DE PARTIDA DE PROPOSTAS DIDÁCTICAS. CURSO DE EDUCACIÓN ARTÍSTICA (QUENDA 2)

ARTE NA AULA. OS ARTISTAS CONTEMPORÁNEOS COMO PUNTO DE PARTIDA DE PROPOSTAS DIDÁCTICAS. CURSO DE EDUCACIÓN ARTÍSTICA

22 outubro 2022 - 12 novembro 2022

Horario: sábados de 10 a 14 h e de 16 a 20 h

Coordinación: Virginia Villar

Dirección: Gael Zamora Lacasta

Prazas: 20 por quenda

 

Debido á gran demanda e despois dun tempo marcado pola distancia, o programa Arte na aula retoma a formación presencial cun curso que xa se impartiu en liña en 2021: Os artistas contemporáneos como punto de partida de propostas didácticas.

A arte contemporánea entrou nas aulas como eixe de aprendizaxe, pero habitualmente faino da man de artistas como Picasso, Miró, Van Gogh ou Kandinsky. Figuras importantes, sen dúbida, pero tamén afastadas xa do noso tempo e que non reflicten algunhas cuestións transversais, hoxe presentes no ámbito educativo, como a conexión co cotián, a paridade ou a sustentabilidade.

Na aula, a miúdo, traballar a partir dun artista supón coñecer o personaxe e pintar á maneira de. Este curso propón dar un paso máis e asómase ao mundo da arte como fonte de inspiración para xerar experiencias educativas ricas e globalizadas.

Este curso, que se desenvolve de forma intensiva ao longo dunha única xornada, ofrécelles aos docentes unha oportunidade para observar, reflexionar e crear a través da plástica antes de levar as súas propostas á aula, vivenciando a experiencia e converténdoa en punto de partida para a programación.

Programa:

As persoas interesadas poderán optar por inscribirse nunha destas dúas sesións:

QUENDA I: 22 de outubro.

Prazo de inscrición: do 10 ao 20 de outubro de 2022

QUENDA II: 12 de novembro.

Prazo de inscrición: do 31 de outubro ao 10 de novembro de 2022

Imparten:

GAEL ZAMORA LACASTA é titulada en Historia da Arte e mestra de Educación Primaria. Exerce como profesora do Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal na Facultade de Educación de Segovia da Universidade de Valladolid. É ademais educadora artística con ampla experiencia en museos con todas as franxas de idade dentro da educación formal e non formal. Ten experiencia como coordinadora e relatora en cursos para docentes sobre creatividade, recursos didácticos e arte no CGAC, o Museo de Arte Contemporáneo Esteban Vicente, o Centro para las Artes y el Diseño Palacio Quintanar, o Museo Lázaro Galdiano, a Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Valladolid, a Universidade Autónoma de Madrid, o movemento de renovación pedagóxica Acción Educativa e os centros de formación do profesorado de Soria, Segovia, Ávila, Madrid e Cuenca.

 

Persoas destinatarias:

Docentes de educación formal (infantil, primaria, secundaria e bacharelato, ciclos formativos ou graos de educación), profesionais da educación artística ou persoas interesadas na didáctica da arte e estudantes de Belas Artes ou Ciencias da Educación.

Inscrición:

O curso é de balde. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal na que deberán indicar o seu nome, apelidos, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación. Poderanse inscribir un máximo de dous participantes por solicitude.

 

Certificación:

O CGAC entregaralles un certificado de presenza ás persoas que asistan á sesión completa.