4 de agosto - 09:30h Foro Profesional de instrumentos musicais RESONANCIAS 22 Intercambio de experiencias e coñecementos sobre o tratamento dos instrumentos musicais artesáns
O vindeiro xoves 4 de agosto, dentro do programa de actividades do FESTIVAL MÚSICA NO CLAUSTRO, levarase a cabo este Foro na Catedral de Tui, realizado co apoio da Xunta de Galicia a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Música no Claustro convoca a segunda edición do foro profesional de instrumentos musicais. Dende unha perspectiva patrimonial e intersectorial, RESONANCIAS 22 dá continuidade a temas tratados na anterior edición, como a investigación, restauración e conservación preventiva dos instrumentos musicais históricos, xunto ao desenvolvemento e innovación nas técnicas e materiais de construción.
Ademais do apoio da Xunta de Galicia, a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia, cóntase coa colaboración de moitas entidades relacionadas coa temática, como son a Asociación Profesional Galega de Construción de Instrumentos Musicais LABRA, o Museo Catedralicio Diocesano TUDE, o Museo de Instrumentos Musicais Santa Cecilia da Universidade de Edimburgo; así como do Concello de Tui, a través da Concellaría de Cultura e Ensino; a Junta de Andalucía, a través do Centro Albayzín de Referencia Nacional da Artesanía; a Axencia Galega da Industria Forestal da Xunta de Galicia, o Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia, e o Ministerio de Cultura e Deporte, a través da Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación dos Bens Culturais.
DIRIXIDO A:
- Persoas con perfís vencellados aos oficios artesanais e a construción de instrumentos musicais.
- Artistas, intérpretes musicais e profesionais da xestión cultural e conservación de coleccións e institucións museísticas.
- Profesionais da industria musical e outras empresas transversais.
- Estudantes e profesorado de ámbito académico en áreas de musicoloxía, etnomusicoloxía, historia da arte, ou xestión do patrimonio cultural, así como disciplinas técnicas de enxeñaría.
Programa:
PROGRAMA:
9:30h. Café de benvida e dinámicas de presentacións profesionais
10:00h. Conferencia e encontro con Jonathan Santa Maria Bouquet, conservador do Museo de Instrumentos Musicais Santa Cecilia da Universidade de Edimburgo, e doutor en Filosofía da Música coa tese Reconstructing a lute by Sixtus Rauwolf.
11:00h. Presentación de Labra - Asociación Profesional Galega de Construción de Instrumentos Musicais: Francisco Luengo e Pablo S. Otero.
11:30h. Mesa redonda intersectorial sobre o emprego de madeiras galegas na construción de instrumentos musicais. Con Montserrat Rodríguez Ogea, directora de innovación da Axencia Galega da Industria Forestal – XERA, Francisco Pedras Saavedra, técnico titular do Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia – CIS e José Catoira, artesán.
12:30h. Pausa-café
13:00h. Conferencia e encontro con Antonio Suárez Martín, director do Centro Albayzín: Escola de formación profesional do Servicio Andaluz de Empleo e Centro de Referencia Nacional de Artesanía.
14:00h. Pausa xantar
16:30h. Conferencia e encontro con Elena Vázquez, conselleira técnica da Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación dos Bens Culturais do Ministerio de Cultura e Deporte.
17:30h. Sería posible construír unha musette en Galicia? Encontro con Nadia Vázquez Martínez, intérprete e investigadora musical pola LUCA School of Arts - Campus Lemmens (Bélxica).
18:00h. Estudo e restauración do óboe barroco Thomas Stanesby Senior da Catedral de Tui: Oli Xiráldez, artesán e David Garrido, oboísta.
18:30h. Mesa redonda: a presencia de mulleres nos obradoiros de instrumentos musicais. Con Ana Fariña, Julia Marín Ramírez e Saínza Seivane, artesás.
19:30. Descanso
21:00h. Concerto “A musette no século XVIII” de Nadia Vázquez Martínez, en conmemoración dos 300 anos do retablo da Expectación da Catedral de Tui.
Para a inscrición e máis información, premer nesta ligazón