Skip to main content

A Xunta mostra en Ourense unha selección de gravados composteláns dos séculos XVII e XVIII

A Xunta mostra en Ourense unha selección de gravados composteláns dos séculos XVII e XVIII

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou o 23 de setembro en Ourense a exposición "Símbolos xacobeos e imaxes de Santiago. Impresos do barroco compostelán", organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial. Na mostra, que poderá visitarse ata o 16 de xaneiro de 2022 na Sala de Afundación situada na Praza Maior, a Xunta expón unha selección de 61 gravados composteláns dos séculos XVII e XVIII.

Segundo salientou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade na súa intervención, trátase de pezas abertas por afamados gravadores locais e foráneos, utilizadas polas tipografías compostelás, co denominador común de que aparezan os símbolos xacobeos ou a imaxe de Santiago. Con elas atendíase “unha tripla demanda, a da Universidade, coas follas de grao; do cabido, para documentos relacionados co culto xacobeo, e estampas de finalidade relixiosa destinadas á devoción popular”, explicou.

Comisariada por Yolanda Barriocanal, profesora da Universidade de Vigo, a mostra reúne e ordena unha selección destas ilustracións en diferentes soportes. Anxo M. Lorenzo sinalou tamén que a instalación recrea un escenario mudable e ilusorio, conforme á sensibilidade e teatralidade propia do Barroco.

Xunto ao secretario xeral, participaron no acto de inauguración a comisaria, o director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Xulio Rodríguez, e o vicepresidente de Afundación, Xosé Carlos Caneiro.