Skip to main content

Antropoloxía visual dunha sociedade confinada

Do 3 de decembro do 2020 ao 1 de marzo do 2021 Antropoloxía visual dunha sociedade confinada Profesionais da fotografía plasman a súa visión sobre o confinamento.

"Antropoloxía visual dunha sociedade confinada" é unha exposición creada polo Museo Etnolóxico de Ribadavia que viaxa agora ao Museo do Castro de Viladonga. Tal como indica o seu nome, o seu fío condutor non é outro que a recente crise sanitaria que supuxo un cambio nas nosas vidas. A pandemia da COVID-19 é dobre referencia para esta mostra, xa que, ademais do seu contido, é a primeira que se abre ao público neste museo tras o período de confinamento, un intento como outros de recuperar a ansiada "normalidade" volvendo aos espazos públicos.

O título da exposición é ilustrativo das súas intencións: "Antropoloxía visual dunha sociedade confinada", que reflexiona sobre o impacto social a través das fotografías de Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Miguel Muñíz, Miguel Riopa, Mónica Vila Ferreirós, Óscar Corral, Óscar Pinal, Rosiña Rojo e Santi M. Amil e os vídeos realizados por Ainhoa Viñuela Don e Blanca Selas Chao.

O confinamento decretado polo estado de alarma debido á pandemia da COVID-19 ten sido unha das experiencias colectivas maiores polas que ten pasado a nosa sociedade. Un período de espazos públicos baleiros, estradas sen circulación, enterros sen acompañamento... Todo isto comportou unha alteración de boa parte das nosas formas de sociabilidade. A través das imaxes tomadas por profesionais gráficos que mantiveron a súa actividade durante aquel período, ofrécese a posibilidade de reflexionar sobre o impacto social provocado pola COVID-19. Está concibida como unha mostra itinerante que se levará tamén ao Museo do Pobo Galego.