Skip to main content

1970-1990, aquel tempo da EXB

Do 20 de decembro do 2013 ao 30 de maio do 2014 1970-1990, aquel tempo da EXB

Ata o próximo mes de maio a sala de exposicións temporais do Mupega estará ocupada por diversos obxectos e textos que pretenden achegar ao espectador as novidades educativas propiciadas pola aplicación da coñecida como Lei Villar Palasí. 

Noutro tempo pasado, o Mupega recreou algunhas das notas singulares doutra gran lei educativa do século XX: a lei Moyano. Na exposición actual a temática centrase naqueles aspectos que afectaron ao sistema educativo franquista e que foron quen de colocar ao noso país nas coordenadas educativas doutros veciños europeos, no último terzo do século pasado.

Novo curriculo, novos centros, novos espazos, novo profesorado etc. Moitas foron as novidades que viron a luz naqueles convulsos anos setenta e oitenta. En lugar destacado, aparece unha coidada e completa aula de EXB, sen dúbida a verdadeira xoia daquela sonada reforma educativa.