Skip to main content

Pământeşti (Das Terras)

Exposición de doce fotografías onde a autora fai un percorrido biográfico a través dun traballo de busca e de investigación, cunha proposta na que a intervención sobre os corpos das modelos e os posteriores procesos técnicos involucrados (bodypainting, fotografía, retoque dixital, impresión sobre lenzo e pintura en acrílico) xera paisaxes («terras») descoñecidas. As pezas da serie compoñen un relato de caída e reconstrución no que as máscaras van e veñen ocultando e deixando entrever capítulos da historia da súa autora.

En palabras de Natasha Lelenco «un retrato colectivo dos estados de ánimo e de maneiras de ser nos que a persoa observadora poda atoparse, se cabe, a través da beleza das formas, do descoñecido dos territorios e da danza contida en cada peza».

Natasha Lelenco (Moldavia, 1982) desenvolve o seu traballo creativo nos eidos da ilustra­ción, do video e da fotografía. Titulada en Belas Artes pola Universidade de Oradea, reside e traballa actualmente en Galicia.