O itinerario do Camiño Real do Norte. Do Castro de Viladonga a Lugo

A exposición “O itinerario do Camiño Real do Norte. Do Castro de Viladonga a Lugo” estará aberta ao público dende o 4 de marzo ata o 30 de novembro.
O itinerario que foi rexistrado como Vía Rexia do Norte transcorre pola costa norte, dende o Cantábrico, ao través das terras que conforman a cunca do río Eo, A Veiga do Eo e a vella ponte de Abres, ata a ponte da Chanca (Lugo), onde se une co camiño primitivo.
O Museo do Castro de Viladonga con esta mostra pretende achegar ao público o patrimonio cultural e natural do tramo do trazado que vai do Castro de Viladonga (Castro de Rei) a Lugo. Esta parte do trazado supón, en apenas 30 km de suave percorrido, un paseo pola nosa longa historia dentro do marco incomparable da chaira lucense. Numerosos castros, vilas e minas romanas, antigas vereas, pontes e igrexas sucédense no espazo e no tempo para dar fe da importancia deste traxecto, convertido desde a antigüidade no nexo de unión entre o mundo cantábrico e a bimilenaria Lucus Augusti.
Con motivo da conmemoración do ano xacobeo 2021 elaborouse esta mostra, baseada nun traballo de escolma bibliográfica, investigación histórica e traballo de campo, que permitiu poñer en valor este trazado histórico, cun valor cultural e natural innegable, e confirmar o que moitos dixeron antes ca nós: esta antiga calzada romana, usada desde época medieval como camiño de peregrinación e convertida en Camiño Real en época moderna merece, por historia e tradición, un recoñecemento que permita a súa conservación para as xeracións vindeiras.
A mostra componse de nove paneis que mostran o percorrido deste itinerario dende o Castro de Viladonga a Lugo. A exposición compleméntase cun audiovisual no que se fai un percorrido literario por este itinerario con poemas de Rosalía de Castro e Eduardo Pondal.