Skip to main content

A conservación do Arquivo Abrente Mostra sobre a intervención de conservación realizada polo museo sobre o fondo documental da agrupación cultural Abrente.

Vista xeral da exposición

O principal obxectivo da exposición é amosar e facer chegar ao público a intervención de conservación realizada polo museo sobre o fondo documental da agrupación cultural Abrente ao longo dos últimos anos. Este fondo foi depositado e arquivado no Museo Etnolóxico en 1986, unha vez disolvida a agrupación. É un arquivo de consulta frecuente, e inclúe documentación administrativa, recortes de xornais, fotografías, folletos, follas voandeiras, manuscritos, actas, recibos e libros de contas.

O Museo Etnolóxico, como depositario do mesmo, ten a obriga de conservalo, polo que é imprescindible establecer unhas normas básicas de manipulación, mantemento e uso para garantir a súa perdurabilidade. Este foi o obxectivo do traballo de conservación realizado no departamento de conservación do Museo Etnolóxico durante dous anos e que agora se presenta: a análise do seu estado de conservación, o coidado do seu aspecto material mediante unha intervención de preservación que compatibiliza as necesidades de uso e o almacenamento físico dos documentos.

A mostra está composta por paneis informativos e dúas vitrinas con material relacionado co traballo de conservación e unha mostra dos arquivadores coa documentación do fondo Abrente tras a intervención.