Skip to main content

O presidente da Xunta inaugura a exposición coa que o CGAC celebra os seus vinte anos

O presidente da Xunta inaugura a exposición coa que o CGAC celebra os seus vinte anos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que os 20 anos do Centro Galego de Arte Contemporánea demostran que “aqueles que confiaron no vigor da nosa sociedade tiñan razón”, porque os galegos “somos quen de erguer xuntos grandes obras e de mantelas no tempo”. “Somos un país enganoso para moitos que interpretan a nosa modestia como incapacidade”, afirmou durante a inauguración esta tarde da Exposición 93 que conmemora o aniversario do CGAC.

Na súa intervención, Feijóo subliñou a “intuición providencial” dos pais do autogoberno que entenderon que o gran proxecto da Comunidade estaría incompleto “sen un vencello estable coa modernidade artística nas súas diferentes expresións”. Apuntou que a inxente actividade desenvolvida nestes 20 anos é a proba de que se cumpriu o obxectivo de facer un centro de referencia galego e internacional, e afirmou que “o mundo artístico tivo que colocar Galicia e Compostela entre os corazóns onde palpita a arte contemporánea”.

Nese sentido, referiuse a mostras como as de Gilberto Zorio ou Jeff Wall como demostracións de que “o CGAC non está na perfiria, senón no centro mesmo da creatividade”, mentres que exposicións como as de Eugenio Granell ou Fernando Casás, “lembrarán o papel protagonista dos nosos creadores”.

Así mesmo, sinalou que o Centro Galego de Arte Contemporánea satisfixo a necesidade de crear unha colección internacional e galega, pois hoxe Galicia ten depositado nesa institución un dos fondos públicos máis importantes de España.

“O Centro difunde, o Centro preserva e o Centro estuda a arte contemporánea, facendo así que estes muros levantados polo xenio de Siza Vieira, sexan hoxe unha segunda catedral”, manifestou.

Con respecto á Exposición 93, o presidente da Xunta asegurou que será “un fito máis na historia do Centro”, porque nela artistas de todo o mundo se dan a man con Francisco Leiro, Menchu Lamas, Manuel Vilariño ou Antón Lamazares “para dar fe dese intenso diálogo entre Galicia e o mundo”.