Ir o contido principal

Pazo de Arxeriz

O Pazo de Arxeriz atópase na Ribeira Sacra, no concello do Saviñao, parroquia de Fión, dentro dunha finca de 30 hectáreas cunha situación privilexiada na ribeira do Miño. O museo está composto polas salas habilitadas dentro do pazo do século XVII e por unha serie de edificios de arquitectura popular situados dentro da finca.

Dentro do pazo consérvase a cociña tradicional cunha lareira, mobles e utensilios de cociña. Por outra banda, o salón estase acondicionando como referente da cultura castrexa para expoñer os restos arqueolóxicos atopados nas sucesivas campañas.

Na sala da ribeira facilítase unha visión xeral do territorio que abranguen os cursos dos ríos Miño e Sil ao seu paso pola Ribeira Sacra, nunha maqueta a escala, na que está representado o patrimonio arqueolóxico e a arquitectura relixiosa e civil máis salientable da zona. Tamén se sinalan os territorios anegados polos encoros, as diferentes paisaxes, aldeas, transportes, xeitos de vida, tradicións e lembranzas que quedaron asolagadas polo proceso.

Na sala da viticultura tradicional están expostas as ferramentas e aparellos empregados na zona –de antiga tradición vitivinícola- que se empregaban na elaboración do viño de xeito artesanal e tradicional.

Continuando coa visión da zona na que se asenta o museo, dedícanse dúas salas á cultura fluvial, cunha exposición de barcas propias dos ríos Miño, Sil e Cabe.

A visita complétase cun percorrido pola finca para poder coñecer as construcións adxectivas do pazo (capela, hórreo, cabaceiro, pombal, fornos, palleira, aira, curral), o castro (onde se levou a cabo a primeira campaña de escavación arqueolóxica no 2013), cunha cata visitable e dende onde se pode gozar das extraordinarias panorámicas da ribeira fluvial.

http://www.ecomuseodearxeriz.org

Arxeriz, Fión
27548 , O Saviñao

Tlf. 982 03 10 40 / 692 94 16 67
ecomuseodearxeriz@gmail.com

Horario

Tempada baixa (do 3 de novembro ao 26 de marzo):
De mércores a domingo, de 11.00 a 14.30 h
Tempada alta (do 27 de marzo ao 2 de novembro):
De mércores a domingo, de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.00 h
Visitas guiadas (necesaria reserva previa):
Ás 11.00, 12.30, 17.00 e 18.30 h


Tarifas

As visitas guiadas son previa reserva ás 11:00 h.
Entrada: 4,5 €
Tarifa reducida: 3 €
Menores de 12 anos: de balde