13 de xullo do 2014 Xornadas académicas no Gaiás sobre a produción e xestión de exposicións temporais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebrará de 3 ao 6 do vindeiro mes de setembro no Gaiás unhas xornadas académicas coas que achegarlle aos estudantes de Historia da Arte e profesionais do ámbito museístico os procesos que se agochan tras a montaxe dunha exposición.

Da man de artistas e profesionais do sector e baixo o título ‘Produción e xestión das exposicións temporais’, Cultura e Educación pretende achegar a través de relatorios, casos prácticos e visitas guiadas aqueles aspectos máis descoñecidos da xestión destas mostras, que poidan resultar útiles aos que queiran comezar a aventura de coordinar un proxecto.

Deste xeito, ao longo de catro xornadas (un total de 26 horas), os participantes coñecerán de primeira man procesos internos como as negociacións de préstamos de obra con outras institucións, o estudo das condicións ambientais, a xestión dos transportes e embalaxes específicos, o rexistro de obra ou o deseño da montaxe e a súa produción.

Programa
Dirixidas polo profesor titular de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Manuel Monterroso Montero, as xornadas arrancarán o mércores 3 de setembro cunha sesión dedicada á ‘Orixe dunha exposición’, na que o departamento de exposicións da Cidade da Cultura, con María Pereira, directora de Acción Cultural á fronte; explicará como é o nacemento dunha mostra: desde a xestión do espazo expositivo ás relacións coas institucións que prestan obra, a organización e o transporte ou a montaxe.

Tras este primeiro achegamento, a tarde do mércores centrarase nas coleccións privadas a través de grandes especialistas como Alfonso Romero Vidal, ceramólogo e presidente de l’Associació Catalana de Cerámica; Gonzalo Fernández-Prieto, director do Museo del Vidrio y del Cristal de Málaga e propietario da colección; e Ángel Martín, director da Galería de Arte Africano Ángel Martín.

O xoves 4 de setembro, os protagonistas serán os artistas. Así, tras un primeiro relatorio no que se dará a coñecer a historia da exposición ‘Auga Doce’ a través dos seus responsables, o Museo Centro Gaiás acollerá unha visita guiada á mostra a cargo de artistas participantes na mesma como os galegos Rubén Ramos Balsa e Jorge Perianes ou Andrea Jambrina.

Nesta mesma liña, o venres 5 de setembro pola mañá, celebrarase unha mesa redonda con outros tres artistas presentes en ‘Auga Doce’ como son Manuel Vilariño, Eva Lootz e Jordi Teixidor. O debate estará moderado por Chus Martínez, crítica de arte e comisaria independentes, e nel reflexionarase sobre o papel dos creadores nunha mostra.

Xa pola tarde será a quenda de investigadores e historiadores no relatorio ‘Máis alá da exposición de arte’. Nela intervirá Vicente Pérez Muñuzuri, director de MeteoGalicia; Silvia Soutelo, investigadora do GEAAT da Universidade de Vigo e especialista en arqueoloxía da auga; e Pedro Casaleiro, responsable de Coleccións e Exposicións do Museo da Universidade de Coimbra.

A última das xornadas, que se desenvolverá na mañá do sábado 6 de setembro, centrarase na estratexia de comunicación e difusión que rodea a unha mostra e estará a cargo de Ignacio Fernández Mojón, responsable do Departamento de Comunicación e Marketing da Cidade da Cultura; e de Santiago Berdullas, co-fundador de Kappowsky, firma galega centrada no desenvolvemento de aplicacións e novas tecnoloxías.

As xornadas finalizarán coa celebración dun obradoiro no que poñer en común os coñecementos aprendidos ao longo dos catro días é aportar ideas e propostas a través de grupos de traballo ao redor da organización e difusión das exposicións.

Inscrición de balde
As xornadas académicas ‘Produción e xestión de exposicións temporais’ terán lugar na Aula Seminario do Museo Centro Gaiás e constan dun total de 26 horas. A inscrición é de balde mais é preciso inscribirse previamente en www.cidadedacultura.org, xa que as prazas son limitadas. As prazas outorgaranse por orde de inscrición e entregarase un certificado de participación a partir da asistencia ao 80% das horas. Así mesmo, a Cidade da Cultura está a xestionar a concesión dun 1 ETCS por parte da USC pola asistencia a estas xornadas.