Ir o contido principal

Xesús Vázquez Abad inaugurou a exposición ‘Iván Tovar. Antológica’ no museo da Fundación Granell

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou esta tarde a nova exposición de Iván Tovar ‘Antológica’ no museo da Fundación Granell. Esta mostra, a máis completa que se ten feito ata agora do pintor dominicano, está comisariada por Frank Pimentel e recolle o legado deste artista surrealista nun percorrido de setenta obras pola súa producción. Os cadros, que se exporán ata o próximo 5 de outubro na Granell, forman parte das mellores coleccións privadas do país latinoamericano e recollen diferentes etapas creativas da producción artística de Tovar.

A este acto asistiron, ademais do conselleiro, a directora do Museo Fundación Eugenio Granell, Natalia Fernández; a ministra conselleira do embaixador da República Dominicana, Yuredy Martínez; o agregado cultural da embaixada, Víctor Ramírez e os patrocinadores da mostra procedentes da República Dominicana.

O autor
Iván Tovar naceu na República Dominicana no ano 1942, país onde comezaría a forzar a súa personalidade artística ao inscribirse na escola Nacional de Santo Domingo para estudar Belas Artes. Porén, sería ao longo da súa estancia en París onde lograría alcanzar os seus maiores éxitos como artista, figurando coma un dos pintores contemporáneos máis importantes de toda Europa.

Durante a súa estadía na República Dominicana Tovar relacionouse con moitos artistas europeos emigrados entre os que destacaba Eugenio Granell, co que compartiu unha grande admiración mutua.

A obra de Tovar conforma un universo propio e onírico, onde establece unha nova realidade. A crítica actual ten cualificado o conxunto da súa obra baixo o concepto de neosurrealismo, debido a que as súas composicións representan un mundo extraordinariamente simbólico e persoal. Os seus traballos con diferentes técnicas, formatos e soportes, propoñen unha exploración detallada do desexo dos sentimentos humanos de tal modo que Tovar se converteu nun dos máximos representantes do surrealismo de toda a contemporaneidade.