23 de outubro do 2014 Visita do embaixador de Xapón en España ao Museo das Peregrinacións e de Santiago

Museo das Peregrinacións e de Santiago

Con motivo da viaxe oficial a Galicia do embaixador de Xapón en España, Kazuhiko Koshikawa, realizou unha visita ao Museo das Peregrinacións e de Santiago acompañado da súa esposa e do seu primeiro secretario.

Nesta visita de máis de unha hora, amosou un grande interese polo museo, especialmente pola sala dedicada á construción da catedral e á lenda da Traslatio e do achado dos restos do Apóstolo Santiago no monte Libredón, pola simboloxía e utilización da cuncha, polo acibeche e a súa constitución e uso e pola iconografía de Santiago. Así mesmo, percorreron de vagar a exposición temporal das iconas rusas, asombrados polos detalles da súa execución e temática.

A relación do Museo das Peregrinacións con Xapón vén xa dende 1999, ano no que o museo acolleu unha exposición temporal sobre o Camiño de Kumano, quizais o máis importante dese país e cun gran paralelismo histórico co Camiño de Santiago, froito do cal as dúas cidades están irmanadas. Dende esa data xa visitaran o museo o por entón embaixador do Xapón, e ao longo destes anos diferentes cargos políticos, turísicos e económicos da Prefeitura Gubernamental de Wakayama, moitas veces con gallo de establecer relaciones e intercambios culturales. O museo tivo ocasión de volver presentar nas súas instalacións en 2008 unha segunda exposición sobre unha parte deste importante camiño:"Totsukawamura, Corazón do camiño", con fotografías realizadas polo fotógrafo Luis Ocaña.

Esta constante e estreita colaboración entre a rexión xaponesa de Wakayama e o Museo das Peregrinacións e de Santiago é a que atrapou o interese polo coñecemento deste centro do actual embaixador do país nipón.