3 de marzo do 2021 Presentación do catálogo da exposición “Vestir épocas”

Museo de Belas Artes da Coruña

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou o venres 26 de febreiro o catálogo desta mostra, nunha rolda de prensa na que gabou o traballo do Museo de Belas Artes da Coruña e dos dous comisarios da exposición, o arquitecto Fernando Agrasar e o especialista en moda Román Padín, na elaboración do catálogo Vestir épocas 1860-1960.

Trátase dunha edición bilingüe (en galego e castelán) que repasa as pezas máis significativas en nove seccións, inspiradas nas series da colección cedidas por Ana Moro para a mostra, pero achegando unha orde diferente para facilitarlle ao/á lector/a a comprensión do fondo nas súas etapas cronolóxicas.

O catálogo contén varios textos explicativos, como o de Ana González-Moro Vela, titular e protagonista da colección, e outros especializados como os realizados polos comisarios, Fernando Agrasar e Román Padín. Acompáñase dunha extensa reportaxe fotográfica na que se resaltan as texturas e acabados, como magnífico complemento da exposición.

As seccións nas que se divide o catálogo son as seguintes:

  • "Flâneries e folies" recolle os vestidos e traxes, de día e de noite, para moverse pola cidade.
  • “Roupa de visita e viaxe”, centrada na roupa de viaxar, de recibir e de ser recibidos.
  • “Loito e uniformes, rigor no vestir” mostra como o negro se estendeu de xeito xeneralizado.
  • En “Pequenas principalidades” intégranse os tocados ou broches que modifican o aspecto.
  • “Donas de branco, cabaleiros de negro” incide na corrección e a estrita delimitación por sexos no vestir.
  • “Corpos celestiais” ofrece un espazo para as vestimentas excepcionais e que se relacionan cos sacramentos e o culto no templo.
  • “Roupa de servizo” identifica os oficios domésticos e a posición da familia a través dos uniformes.
  • En “Corpo e silueta” recóllese a ampla colección de lencería.
  • "Wunderkammer" pecha o catálogo coa reflexión de que a colección de moda como obxecto singular convértese nun gabinete de curiosidades.

 

A exposición que dá nome e corpo a este catálogo pódese visitar no Museo de Belas Artes ata o 4 de abril. Para quen non poida achegarse á cidade, tamén pode visitarse de xeito virtual a través da súa páxina web.

Galería

  • Portada do catálogo

  • Vista de detalle dunha páxina do catálogo

  • Vista de detalle dunha páxina do catálogo

  • Vista de detalle dunha páxina do catálogo