18 de maio do 2021 Os museos da Xunta súmanse ao Día dos Museos con máis dunha trintena de actividades presenciais e en liña

A meirande parte concéntranse arredor do martes 18, día da conmemoración, e incluirá visitas guiadas, obradoiros, música e teatro, entre outras propostas.

A Xunta de Galicia celebra o Día dos Museos este martes 18 de maio, coa organización de múltiples actividades nos centros museísticos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Trátase dun conxunto de máis de 30 actividades presenciais e en liña que abranguen obradoiros, visitas guiadas ou concertos, entre outros.

Baixo o lema O futuro dos museos, recuperar e imaxinar, escollido este ano polo Consello Internacional dos Museos (ICOM), porase o foco na progresiva incorporación e transformación dixital nos museos galegos. As celebracións deste ano están marcadas tamén pola recente entrada en vigor da primeira lei galega que regula de forma autónoma e independente estes centros e que supón contar con eficaces ferramentas e cunha regulación máis detallada e precisa.

As conmemoracións do Día Internacional dos Museos teñen como acto central o propio 18 de maio un acto institucional presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, desde o Centro de Arte Contemporánea de Galicia (CGAC) e coa participación dos responsables dos museos da Xunta de Galicia.

A Coruña

No que se refire á programación, na cidade da Coruña, o Museo de Belas Artes ofreceu o sábado 15 visitas guiadas á colección ás 12.00, ás 18.00 e ás 20.00 horas. Nesa mesma xornada desenvolvéronse obradoiros en familia e o concerto de Paul Álvarez Project, unha proposta musical que fusiona flamenco e jazz e que se puido seguir tamén en liña. O martes hai novamente visitas guiadas á colección, coa idea de desfrute da arte como fío condutor, ás 12.00, 18.00 e 19.00 h.

 

Tamén no marco desta conmemoración, o museo presentará o mércores 19 o proxecto Audioguías emocionais, realizado co IES Menendez Pidal, no que, a partir dunha selección de obras do museo, o alumnado participante contará as emocións que lles causou a obra escollida. Finalmente, representarase o sábado 22 o espectáculo teatral Manuela é unha inuit, de Sr. López Producións.

Santiago de Compostela

En Compostela, o Museo das Peregrinacións e de Santiago organizou o día 15 un obradoiro de ilustración nos soportais do museo, co ilustrador e humorista gráfico Xosé Tomás, e, pola tarde tivo lugar o monólogo de Paula Carballeira "Os camiños máis longos". A celebración continuou o domingo 16 co concerto "Cores, contos e rock´roll" con Ramona Órbita, unha proposta multidisciplinar e interactiva dirixida á cativada, chea de música, creatividade e diversión. O martes 18 volve a música ao museo con Abraham Cupeiro e o seu traballo "Resoando no pasado", un achegamento á historia da música.

Pola súa banda, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) programou un conxunto de actividades para todos os públicos vencelladas coa música, as artes audiovisuais, a arquitectura e as exposicións. Así, os días 18 e 19 desenvolveranse dúas sesións do obradoiro en liña "Escoita profunda", e do 20 ao 22 haberá un ciclo de proxeccións abertas ao público arredor de Pauline Oliveros. O sábado 22 terá lugar unha ruta arqueolóxica por Santiago, partindo do CGAC, e o domingo as persoas que se acheguen ao museo ás 12.00 h poderán participar nunha visita guiada ás actuais exposicións do centro.

Na Cidade da Cultura, ao longo de toda esta xornada do 18 de maio, o Museo Centro Gaiás apostará pola programación en liña e os novos formatos para achegar o seu programa expositivo aos fogares de toda a cidadanía, ofrecendo nesta efeméride visitas en liña e en aberto á exposición "Faraón. Rei de Exipto", que está a bater marcas de asistencia entre o público. Así, de 10.00 a 14.00 horas desenvolverase o programa de visitas en liña para centros escolares, un innovador sistema a través de videoconferencia no que os centros de ensino poderán coñecer de primeira man os contidos da exposición desde a súa propia aula.

Ás 17.00 terá lugar –neste caso destinada a todo o público interesado– unha visita en liña tamén á exposición "Faraón. Rei de Exipto", que se pode seguir de balde a través de videoconferencia inscribíndose na web da Cidade da Cultura. A programación do Día dos Museos no Gaiás inclúe tamén a estrea en Santiago de Compostela de Formas da aparencia, peza audiovisual da artista Verónica Vicente creada dentro das Residencias Artísticas do Gaiás REGA, en colaboración co RESIS Festival. A peza poderá verse en pantallas proxección ao longo de toda a xornada, no andar primeiro e segundo do Museo Centro Gaiás.

Ourense

En Ourense, o Museo Arqueolóxico Provincial ofrece este martes 18 a actuación de Quico Cadaval A memoria reimaxinada, no Liceo de Ourense, que se poderá seguir tamén en liña a través das redes sociais. Ademais, no marco desta conmemoración, este centro está a desenvolver en diversos centros educativos os obradoiros didácticos para a rapazada "O meu, o teu, o noso museo". Xunto a eles, programouse tamén unha actividade didáctica para escolares de primaria na que deberán crear o seu propio museo a partir de pezas do Arqueolóxico Provincial.

Por outra banda, ata o 13 de xuño proxectarase sobre o edificio do museo na Praza Maior o vídeo Pasado, presente e futuro, no que se amosan imaxes do centro en diferentes épocas e a recreación de como quedará tras as obras que se están acometendo nel.

O Museo Etnolóxico de Ribadavia ofrece mañá sábado un concerto de música folk, a cargo de Antonio Luis Pedraza, co seu traballo "Fierro. Un viaje musical a la despoblación". O vindeiro venres 28 terá lugar a presentación da colaboración entre o centro museístico e o CIFP Portovello de Ourense, a través do Proxecto Museo Aberto 2021 - A escola na memoria. Tamén se desenvolverá un obradoiro de pesca fluvial co IES do Ribeiro. Ademais, o martes 18 difundirase a través das redes sociais do museo un vídeo cun percorrido polo centro.

O Museo do Viño de Galicia, situado tamén en Ribadavia, utilizará as redes sociais para difundir a partir do martes pílulas audiovisuais de adegueiros e colleiteiros de diferentes denominacións de orixe para abordar o saber tradicional na elaboración actual dos viños.

Pontevedra

Na provincia de Pontevedra, o Museo do Mar, en Vigo, organizou unha xornada de portas abertas para o martes 18, de xeito que nesta data se poderá visitar todo o centro de balde. O Museo Massó, en Bueu, tamén está a desenvolver todos os sábados deste mes visitas guiadas gratuítas, de 12.30 a 14.30 horas, ademais de ofrecer os obradoiros en liña para toda a familia "Origami mariño", "Esta ría é un chollo" e "Corseando cos Bolechas no museo", a través do seu blog.

Lugo

En Lugo, o Museo do Castro de Viladonga ofrecerá a través da súa web e das redes sociais o concerto de Germán Díaz, gravado en diferentes localizacións do centro. A maiores, a través destas canles poderase ver un recompilatorio audiovisual das Noites dos museos desde 2015.

 

Galería

  • O DIM no Museo de Belas Artes

    Concerto no Museo de Belas Artes da Coruña

  • Obradoiro no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

    Obradoiro no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

  • O DIM no Museo das Peregrinacións e de Santiago

    Actividades no Museo das Peregrinacións e de Santiago