Ir o contido principal

Os museos da Consellería de Cultura, Educación e O. U. incrementan as súas coleccións

Imaxes das pezas adquiridas

As coleccións son a razón mesma da existencia dos museos xestionados pola Secretaría Xeral de Cultura a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e os programas de incremento das súas coleccións son unha tarefa prioritaria e a garantía para unha xestión de calidade, de posta en valor do patrimonio e de servizo público.

Así, os museos teñen establecidas as prioridades e definidos os criterios para garantir o necesario e correcto incremento, e as seccións da colección que necesitan ampliarse ou completarse para faceren máis coherente o discurso expositivo do museo. En relación con estas necesidades, defínese a tipoloxía de bens culturais mobles que deben adquirirse preferentemente, e de forma periódica, a través de compras, doazóns, depósitos, legados, etc.

Para este fin a Consellería conta co Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia que informa todas as incorporación de pezas destinadas aos museos, arquivos e bibliotecas da súa competencia.

Outra vía de incremento é o ingreso de materiais arqueolóxicos procedentes de intervencións arqueolóxicas autorizadas: milleiros de pezas que ingresaron nos museos xestionados en 2016 procedentes de máis de trinta intervencións autorizadas.

 

O Museo das Peregrinacións e de Santiago ven de incorporar á súa colección de ourivería compostelá un cáliz de prata do arcebispo José del Yermo realizado no ano 1730 e varias pezas de adorno persoal en prata da 1ª metade do século XIX: 3 pulseiras e 4 medallas todas con motivos xacobeos. Ademais ingresou como depósito da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo a réplica da Cruz de Afonso III, que se expón na sala dedicada á evolución da Catedral de Santiago. O orixinal desta cruz de ouro fora doada por ese rei ástur á catedral compostelá no ano 874 e desapareceu en 1906. Ingresaron, neste caso como doazón, 49 positivos fotográficos de José Guitián, que formaron parte da exposición “José Guitián, fotógrafo en Compostela (1950-1980)”, así como unha reprodución do primeiro selo da  Confraría de Santiago en París, cuxo orixinal está datado de 1319 a 1324.

Unha Ara romana procedente do lugar de Xacebáns (Ourense) foi incorporada aos fondos do Museo Arqueolóxico de Ourense por doazón, así como un retrato ao óleo realizado polo artista ourensán Ramón Parada Justel, do que o museo posúe a máis extensa colección en Galicia.

Para o  Museo de Belas Artes da Coruña a Consellería  de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria adquiriu catro obras de Pablo Picasso: a composición “Picasso e sol”, apunte dun sol realizado polo autor sobre unha separata da revista Papeles de Son Armadáns, un collage sobre fotografía titulado “Picasso e Jacqueline, Cannes” e dúas xerras de cerámica datadas en 1952-53 que ilustran a súa faceta de ceramista. Do pintor Urbano Lugrís incorporou un óleo sobre táboa con paisaxe costeira nocturna que amosa o estilo inconfundible do pintor galego con elementos oníricos e míticos que o vinculan coa pintura metafísica e o surrealismo. Tamén ingresaron por doazón outros cinco cadros:  tres retratos realizados por Fernando Álvarez de Sotomayor, un retrato realizado de Joaquín Torres Lladó e unha paisaxe de José Seijo Rubio, todos eles en óleo sobre lenzo. En réxime de depósito en comodato o museo ingresou o cadro da Deputación da Coruña “O discurso” de Isaac Díaz Pardo, unha composición fotográfica de gran formato, “O paraíso fragmentado”, de Manuel Vilariño e catro obras depositadas polo Museo Nacional de Arte Reina Sofía de autores galegos: “Ofelia aldeana” de Juan Luís López García, “Parque zoológico” de Antonio Lago Rivera, e “Estío”de Jaime Quesada Porto, ademais da escultura “Amor divino” deste último autor.

Os fondos do Museo Etnolóxico de Ribadavia enriquecéronse mediante doazóns de diversos obxectos de carácter etnolóxico, así como de numerosos fondos documentais e fotografías de época.

Finalmente, o Museo Massó de Bueu foi obxecto dunha importante doazón do coleccionista Antonio Rama: 175 obxectos de antigüidades náuticas. Trátase de instrumentos de navegación e outras pezas que testemuñan a historia da navegación en Galicia: un círculo de reflexión, do que se conservan moi poucos exemplares, o Planetario Trippensee, un globo terráqueo de constelacións e outras pezas como barómetros, bucinas, prismáticos... que incrementan a súa grande colección de temática mariñeira e industrial. Esta colección pode contemplarse actualmente no museo na exposición A arte de navegar.