18 de maio do 2021 O Muvicla intégrase na Rede de Centros Museísticos de Galicia

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 13 de maio de dous mil vinte, acordou a creación e cualificación da colección Muvicla (Colección Museográfica Viva e Integrada do Campo e a Locomoción Agraria) segundo o disposto nos artigos 4 e 13 da Lei 7/2021, de 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia. Con este acordo, o centro MUVICLA intégrase na Rede de Centros Museísticos de Galicia. É a primeira colección museográfica recoñecida dende a entrada en vigor da nova Lei de museos.

O centro terá un ámbito territorial autonómico, cun contido temático especializado relativo á evolución da cultura agraria e a mecanización do agro en Galicia no século XX. Ten como obxectivo divulgar a evolución e o desenvolvemento da casa de labranza que lle dá soporte e, por extensión, a historia da mecanización da agricultura en Galicia, a transformación do sector produtivo que explica, en gran parte, os cambios producidos na sociedade galega dende mediados do século XX.

A casa de labranza e granxa agrícola coñecida como Casa Vázquez está no lugar de Trasliste, pertencente ao concello de Láncara, no interior da provincia de Lugo.

A Xunta de Galicia recoñece con este acordo unha iniciativa singular, tanto no ámbito galego como estatal, para a divulgación de fondos pertencentes á historia dunha explotación agrícola do interior da provincia de Lugo, viva e dinámica, que amosa a evolución da modernización da agricultura en Galicia dende principios do século XX ata agora.

Ligazóns

Galería

  • O Muvicla intégrase na Rede de Centros Museísticos de Galicia

  • O Muvicla intégrase na Rede de Centros Museísticos de Galicia