28 de xullo do 2014 O Museo Massó publica a súa primeira guía

Museo Massó

O Museo Massó da Consellería e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria divulga o seu legado coa publicación da súa primeira guía, unha obra que, ademais de facilitar a visita á exposición permanente, lle achega á cidadanía o patrimonio marítimo e industrial a través da historia do museo, do proceso de conquista do mar e da explotación dos seus recursos.

A partir dunha visión global do centro museístico, a guía, que se presenta baixo o título ‘Museo Massó. O museo que medrou dentro dunha fábrica de conservas’, reflicte boa parte da formulación conceptual e os principios básicos da institución, os aspectos que definen a súa singularidade e especificidade, así como a natureza dunhas coleccións únicas e dun patrimonio cultural de gran valor.

Primeiras cartas náuticas das costas galegas
O patrimonio marítimo e industrial conviven co espírito erudito do coleccionismo doutra época na exposición permanente do Museo Massó. O seu percorrido iníciase na sala dedicada á navegación e a aquelas disciplinas como a astronomía, a xeografía e a construción naval que fixeron posible o seu desenvolvemento e o do comercio marítimo.

A exposición desta sala, que se aborda no apartado da guía que leva por título ‘A conquista do mar’, integra unha interesante colección de incunables e libros antigos especializada en temas marítimos e navais, na que se inclúen libros como ‘Seesviegel’, de Willem Jansz Blaeu (Ámsterdan, 1623), con algunhas das primeiras cartas náuticas das costas galegas; o tratado astronómico de Ptolomeo e un manual de pilotos de 1545, de Pedro de Medina, que foi o máis popular en Europa nos séculos XVI e XVII. Tamén se detallan na guía diversos instrumentos que amosan o paso da navegación astronómica á científica, como cuadrantes horarios, reloxos de sol e compases náuticos, entre outros.

No apartado ‘Explotación dos recursos do mar’, a guía percorre a exposición das salas situadas na planta baixa do museo. Partindo dunha sección dedicada á factoría de salgadura e o taller de ánforas do depósito romano de Pescadoira (Bueu), o discurso céntrase na actividade industrial da familia Massó: as fábricas de salgadura e de conservas e a factoría baleeira.

Materiais da factoría de salgadura romana
Basas e fragmentos de fustes de columnas romanas dos séculos II e III xunto cun coitelo con mango de óso tamén desta época son algúns dos materiais da factoría de salgadura romana que se conservan no museo e que se inclúen na guía. A publicación tamén destaca unha prensa do século XIX para a extracción da graxa das sardiñas, unha máquina troqueladora para realizar fondos e tapas de latas, un caixón de medida para a descarga do peixe, unha mesa na que inicialmente se soldaban a man as latas, fotografías antigas da actividade da empresa e diversos bosquexos para carteis publicitarios e os deseños das latas e dos seus estoxos.

O percorrido expositivo do museo continúa na fábrica de salgadura do século XIX que formaba parte do complexo industrial Massó e foi recuperada recentemente, para finalizar na nave onde se expoñen as embarcacións. Ademais, a experiencia museística esténdese polo ámbito inmediato co peirao das embarcacións tradicionais e o motopesqueiro Caneliña, que forma parte da colección do museo, a carpintería de ribeira e o resto das instalacións e embarcacións dun xenuíno e activo porto pesqueiro.

As orixes do museo
O Museo Massó encóntrase instalado nas naves industriais da antiga conserveira Massó Hermanos, nas inmediacións do porto de Bueu, na ría de Pontevedra e en pleno corazón da península do Morrazo.  A idea de crear un museo foi suxerida por Guillermo Marconi durante a visita que realizou en 1928 á fábrica de conservas Massó. No domicilio da familia quedou sorprendido pola colección de instrumentos de navegación, documentos e libros antigos, obxectos curiosos e maquetas de barcos históricos. Seguindo o seu consello, os irmáns Massó levantaron unha planta sobre o máis antigo edificio da fábrica, e en 1932 nacía o Museo Massó.

Co tempo, os testemuños das factorías conserveira e baleeira e a actividade pesqueira foron completando o perfil do museo. En 1994, despois do peche da fábrica, o museo foi adquirido pola Xunta de Galicia. Hoxe no Museo Massó convive o patrimonio marítimo e industrial co espírito erudito do coleccionismo doutra época.