13 de xuño do 2014 O Museo do Mar presenta a exposición ‘¿Acuicultura? descúbrela’

Museo do Mar de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana Carballo, participaron na tarde de hoxe na inauguración da mostra ‘¿Acuicultura? Descúbrela’ no Museo do Mar de Galicia en Vigo. A este acto tamén asistiron o secretario general de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e presidente da Fundación Observatorio Español de Acuicultura, Carlos Domínguez.

Xesús Vázquez afirmou que esta mostra “é o mellor modo de coñecer amenamente un sector de gran importancia para o desenvolvemento da nosa terra” e que o Museo do Mar de Galicia é a mellor institución “para comprender a vizosa vinculación que os galegos mantivemos onte, hoxe e sempre co mar”. Tamén aproveitou a súa intervención para convidar “aos vigueses e viguesas e a todos os galegos e galegas a que se acheguen ao Museo do Mar de Galicia a que participen das actividades e gocen visitando esta mostra” e para agradecer aos responsables e técnicos da Fundación Observatorio Español de Acuicultura (OESA) e do propio museo pola mostra que ofrecen.

A exposición ‘¿Acuicultura? Descúbrela’, impulsada pola Fundación Observatorio Español de Acuicultura do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA), en colaboración co Museo do Mar de Galicia, trata de acercar a sociedade a realidade e perspectiva dun sector estratéxico que xoga un papel fundamental no aporte a sociedade de proteínas de peixe.

A mostra repasa a historia da acuicultura, a producción deste sector en España, os cultivos mariños e continentais, o importante papel que xogan na alimentación e na gastronomía, a importancia da I+D+i, así como a relevancia desta actividade no desenvolvemento sostible e a cooperación internacional.

A través do recorrido didáctico polas salas do Museo do Mar de Galicia, o visitante pode coñecer a actividade pesqueira en todos os seus ámbitos, así como o seu desenvolvemento no devir da historia: a pesca, o marisqueo e a acuicultura, os métodos de conservación e os avances técnicos nas embarcacións ou na bioloxía mariña.

A acuicultura en Galicia
Nesta ocasión, e para reforzar a relación do contido da exposición co contexto local tamén se dedican tres módulos da exposición a aspectos relacionados coa acuicultura de Galicia, a súa historia, principais especies cultivadas, investigación, repoboación e Rede Natura na nosa comunidade autónoma.

Dentro da acuicultura galega o conselleiro afirmou que “un dos mellores exemplos posibles da importancia da acuicultura na nosa terra son, precisamente, as bateas nas que s cultivan tesouros culinarios como son o Mexillón”. O cultivo de Galicia é o máis importante de España e cobre preto do 90% da producción total do país. Ademais en Galicia tamén se cultivan peces mariños como o rodaballo ou ollamol, ou continentais como a troita pero polo que máis destaca a comunidade galega é polo seu extenso litoral areoso e por unhas mareas pronunciadas que permiten producir un elevado número de especies de moluscos nos parques de cultivo.

En Galicia tamén contamos cun amplo abanico de posibilidades de cara a incorporación de investigadores e grupos de investigación nos distintos centros que compoñen a súa rede de I+D+i, o que posibilita o desenvolvemento de novos productos, procesos e tecnoloxías. En proporción o seu tamaño territorial a nosa comunidade é a que conta cunha maior concentración de infraestructuras científicas e tecnolóxicas relacionadas coas ciencias do mar, a bioloxía, a enxeñaría e as industrias alimentarias. Ademais desta labor investigadora compre destacar a labor formativa que se está a realizar no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA).

O recorrido compleméntase con diversos acuarios que amosan algunhas das especies cultivadas en España como troita, esturión, robaliza, anguía, rodaballo, ollamol e linguado.

A mostra estará dispoñible no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, ata mediados de setembro. Durante este período tamén se impartirán talleres infantís e actividades divulgativa se gastronómicas.

Pola súa parte, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, fixo fincapé na vocación mariñeira dos galegos e na calidade dos nosos produtos. Así mesmo, destacou a capacidade de evolución e de adaptación aos tempos do sector pesqueiro.

Durante a súa intervención, a titular do Medio Rural e Mar recordou que, segundo un informe da FAO, para 2030 serán necesarios 37 millóns de toneladas de peixe adicionais para cubrir a demanda. Unha cifra que aquí, segundo a conselleira, non foi vista como unha ameaza, senón coma un reto. Unha oportunidade de negocio e de xeración de emprego que a nosa Comunidade aproveitou creando un novo sector, dedicado á acuicultura, forte e evolutivo.

Os datos avalan o liderado de Galicia como maior produtor nacional no que acuicultura se refire. Na Comunidade galega cultívase o 98% do mexillón e o 88% da produción española de rodaballo. Unhas cifras das que sentirse orgullosos e que poñen de manifesto o auxe do sector, sinalou Rosa Quintana.