31 de outubro do 2014 O CGAC acolle o novo proxecto expositivo dun dos mestres da abstracción, Carlos León

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)

A consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou nun acto informativo celebrado hoxe ás 12 h. un CGAC a mostra do artista ceutí Carlos León, ‘A orde das primeiras cousas’. Na rolda de prensa participaron o director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Miguel von Hafe; os dous comisarios da exposición, Ángel Cerviño e Alberto González- Alegre; e o propio artista que sinalou que "co proxecto desta exposición nacín realmente como escultor" e engadiu que quixo incluír na mostra "un cadro recién creado que marca una nueva etapa en mi pintura" o que, dalgún xeito, fai que esta mostra sexa un fito significativo na traxectoria creativa deste extraordinario artista plástico.

Con máis de 30 pezas entre pinturas e esculturas, ‘A orde das primeiras cousas’ é a mostra máis completa que se ten realizado deste importante artista en España. Na actualidade, a súa obra imponse como unha das propostas fundamentais da pintura abstracta española. ‘A orde…’ ocupará toda a planta baixa do centro e poderá visitarse até o 1 de marzo de 2015.

A orde das primeiras cousas
A exposición sita no CGAC explora e vertebra algunhas das series máis recentes do pintor. Nela, Carlos León obxectualiza o acto de pintar. A súa paleta de maxentas, carmíns, azuis prusia, índigos e ocres ten continuidade nos óxidos e os restos de pintura dos elementos recuperados das chatarrerías. Os refugallos industriais presentes nas súas obras compoñen a súa particular linguaxe. Deste xeito, o artista indaga nos xogos que se establecen entre o radical cuestionamento do ilusionismo da súa pintura e a práctica construtiva da súa produción escultórica.

As salas do Centro pobóanse de ferros, táboas, cables e palanganas que se atopan formando esculturas e que dialogan con cadros tamén superpostos e que se elevan sobre o chan con pezas que remiten ao espazo do seu taller. Os obxectos revelan as súas historias e a pegada das persoas que os construíron, os empregaron e os desbarataron. O artista toma estes restos industriais como fragmentos de poemas ou notas musicais para crear os seus propios versos e partituras no espazo expositivo do CGAC.