Ir o contido principal

Nova programación trimestral no Museo Liste de Vigo

Vista exterior do Museo Liste

O Museo Liste de Vigo vén de facer pública a súa programación para o último trimestre do ano, que inclúe exposicións temporais para todos os públicos.

Este museo, que recolle o legado de Olimpio Liste Regueiro no eido da etnografía, ofrece unha visión globalizadora do patrimonio etnográfico galego. Conta con nove salas de exposición permanente, distribuídas en tres plantas, nas que descubrir anacos da nosa historia: arte tecido, o escultor da madeira, a cultura do centeo, a simboloxía dos oficios artesáns, a materialidade da fe ou a arte de curar.

A rotulación dos contidos permite a realización de percorridos autónomos, pero ofrécense visitas guiadas para grupos, previa solicitude. Para o público en xeral, os percorridos guiados realizaranse os sábados ás 11:30 h.

EXPOSICIÓNS TEMPORAIS

A mesa farta

Máis de corenta obxectos relacionados coa alimentación terán acollida nesta exposición. Contidos expositivos:

  • Enxoval doméstico: cociña popular e cociña distinguida.
  • Pezas relacionadas co cultivo, a produción e o comercio de alimentos.
  • Obxectos de almacenaxe, transporte e conservación.
  • Singularidades e consideracións arredor da alimentación.
  • Protagonistas da nosa dieta. Alimentos básicos.

 

Sororidade

Sororidade define a irmandade entre mulleres. O concepto abrangue moitas formas, todas encamiñadas ao apoio mutuo entre elas. Dende esta premisa, o museo quere contribuír a crear espazos de concienciación nos que profundar na necesidade dunha educación en igualdade. Supón un proxecto para traballar cos centros de ensino e asociacións na realización de accións conxuntas que conduzan á reflexión.

Dende febreiro de 2019, o museo acolle distintas creacións e producións artísticas que reflicten ou evidencian a inxustiza que xera a desigualdade dunha socialización no patriarcado. O museo quere así ser un espazo de convivencia á vez que de compromiso social a través de obras que inviten á reflexión.

O Nadal na tradición

Como é habitual, o museo acollerá a exhibición dunha escolma de nacementos e tarxetas do Nadal de diversas épocas e lugares. Será do 10 de decembro ao 8 de xaneiro.

Documentos

Programación do cuarto trimestre de 2019 (1.74 MB) (...)