26 de abril do 2014 Cultura e Educación convida a celebrar no Gaiás o ‘Día dos museos’ con actividades de balde para toda a familia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a celebrar o vindeiro 18 de maio no Gaiás o ‘Día Internacional dos Museos’ cunha xornada de portas abertas con actividades únicas, divertidas e de balde para toda a familia.

Baixo o lema ‘Vínculos creados polas coleccións dos museos’, a Cidade da Cultura de Galicia únese á celebración do ‘Día Internacional dos Museos’, que desde 1977 se organiza en todo o mundo para poñer en valor o papel destas institucións na sociedade.

Será no Museo Centro Gaiás, que celebrará desde as 11 ata as 20 horas unha xornada de portas abertas arredor da auga doce, protagonista da mostra actualmente en exposición, e co patrocinio da Fundación Aquae. Deste xeito, ademais das visitas guiadas á mostra e unha edición especial das familiares ‘Os Rescatadores de Auga Doce’, o Museo acollerá de forma ininterrompida obradoiros artísticos e creativos, contacontos, xogos e experimentos científicos para aprender dunha forma divertida.

Música e ciencia
Durante todo o día e de forma continuada, o Museo Centro Gaiás converterase nun gran laboratorio e todos os visitantes en destacados científicos. A través do ‘Circuíto da Auga’, grandes e pequenos poderán fabricar xeo e neve, converterán dous líquidos nun sólido, aprenderán a descontaminar a auga e moitas actividades máis nas que descubrir o valor dun elemento indispensable para a vida como é a auga doce.

A ciencia non está está disputada coa arte e así o demostra o ‘Aquofono’, un innovador instrumento musical de percusión co que gozarán grandes e pequenos a través das súas fantasías musicais únicas, efémeras e irrepetibles. Ao longo do día e desde ás 11:30 horas haberá unha actuación de 15 minutos cada media hora, cun aforo de 30 persoas en cada quenda.

Os máis pequenos terán tamén o seu propio espazo multisensorial: ‘As formas da auga’, no que poderán interactuar con diferentes texturas e tamaños. A actividade conta con nove pases de 20 minutos (11:30, 12:15, 13:00, 13:45, 16:30, 17:15, 18:00, 18:45 e 19:30 horas) e é preciso reservar previamente en www.cidadedacultura.org.

Obradoiros plásticos
Para os máis creativos, o Museo Centro Gaiás presenta ‘A viaxe dunha pompa’, un divertido obradoiro no que nenos a partir de 8 anos aprenderán a crear pompas de xabón ao tempo que coñecen dunha forma lúdica a presenza da auga nos seres vivos, e ‘Barro+Auga doce: arxila!’, no que crear figuras de arxila e aprender a decoralas con diferentes técnicas primitivas.

E para os nenos de entre 3 e 8 anos, a opción é ‘Augarte!’, coa que os participantes se trasladarán á prehistoria creando un mural de arte rupestre.

As tres actividades contarán con nove quendas (11.30h, 12.15h, 13.00h, 13.45h, 16.30h, 17.15h, 18.00h, 18.45h e 19.30h) e, aínda que son de balde como todas as actividades, o límite de aforo (25 prazas) fai que sexa necesario inscribirse previamente en www.cidadedacultura.org.

Contacontos
Para ter un día redondo e despois de tanta actividade, toda a familia poderá gozar coa selección de contos ‘Auga Miúda’, un espectáculo de narración oral con contos clásicos, contemporáneos e de creación propia protagonizados por fontes, pozos, ríos, pingas… e interpretados por bonecos, franelógrafos, láminas e efectos sonoros. Auga Miúda conta con seis pases de 30 minutos: 11:30, 12:30, 13:30, 17:00, 18:00 e 19:00 horas.

Visitas regulares e familiares
A actividade do Museo Centro Gaiás complétase neste Día dos Museos con catro pases especiais para dúas das actividades relacionadas coa exposición ‘Auga Doce’. Deste xeito, as persoas que queiran coñecer a exposición dunha forma máis específica poden inscribirse de balde en www.cidadedacultura.org. a calquera das catro visitas guiadas que se organizarán o domingo 18 de maio: 11:00, 12:30, 17:00 e 18:30 horas.

Catro pases terán tamén as visitas familiares ‘Os Rescadores de Auga Doce’, unha actividade pensada para vivir en familia no que grandes e pequenos terán que axudar a salvar a auga do planeta ao longo da exposición e conseguir os emblemas que farán deles uns auténticos superheroes. A actividade tamén é de balde pero será preciso inscribirse a través de www.cidadedacultura.org para cada unha das quendas: 11:30, 13:30, 17:30 e 19:00 horas.