Ir o contido principal

A arte e as emocións centran o encontro que se celebra no Museo de Belas Artes da Coruña

O Museo de Belas Artes da Coruña da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle desde hoxe e ata o venres 24 de outubro a actividade ‘Arte e emocións’, un encontro promovido pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) para abordar o estudo das prácticas, os obxectos e as representacións das emocións ao longo da historia da arte.

Este espazo para a reflexión, o debate e a posta en común de coñecementos foi inaugurado hoxe polo director director da UIMP de Galicia, Domingo Bello; pola directora do museo, Ángeles Penas; e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou as diversas perspectivas que abordará o encontro, como a presenza das emocións nas diversas manifestacións artísticas, a súa capacidade para favorecer a creación e as sensacións producidas no espectador.

Para isto, o curso presenta unha vía de aproximación histórica, que tratará de situar as obras no marco da cultura, a situación social e a estética predominante en determinadas épocas, como a antigüidade clásica, o medievo ou o Barroco; e unha vía de carácter temático, en función da iconografía e os seus significados.

Visión especializada e inédita
Atendendo ao carácter transversal do proxecto, o encontro conta cun grupo de especialistas de disciplinas diversas como a historia cultural, a antropoloxía, a historia da ciencia, a filosofía, a historia da arte e a literatura. “Eles e elas, recoñecidos investigadores e investigadoras de diversas universidades que traballaron na materia ou que o están a facer na actualidade, a través de publicacións, artigos, exposicións etc., serán os encargados de guiar ese achegamento á arte e ás emocións, para ofrecer unha visión especializada e rigorosa, e, nalgúns casos, tamén practicamente inédita”, afirmou Anxo Lorenzo.

A risa e o pranto na obra de Baltasar Gracián, as emocións no rostro en imaxes relixiosas da pintura barroca española, as paixóns e o pensamento no mundo antigo, as emocións no cine, os sentimentos no romanticismo alemán, a expresión na pintura do século XIX, os afectos en tratados de retórica e técnica vocal, as paixóns da modernidade e as emocións a través do corpo na arte contemporánea son algúns dos temas que se abordarán desde hoxe ata o venres 24 de outubro neste encontro.