Ir o contido principal

Achegamento a pezas singulares para celebrar o Día do Patrimonio Mundial en varios museos

Imaxe dunha actividade no Museo das Peregrinacións

O 16 de novembro conmemórase anualmente o Día Internacional do Patrimonio Mundial, dende que, nesa mesma data do ano 1972, asinábase en París a Convención sobre Patrimonio Mundial Cultural e Natural, que sentaba as bases para desenvolver este tipo de protección cultural.

Varios museos xestionados pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural sumáronse a esta iniciativa, a través da convocatoria feita este ano polo Consello da Cultura Galega, cunha oferta conxunta de contidos e actividades que poñen en valor o patrimonio cultural e colectivo de Galicia.

Varios museos organizaron unha xornada de portas abertas e destacaron algunha obra das súas coleccións, para incidir unha vez máis no papel dos centros museísticos como salvagarda da memoria e transmisores do coñecemento.

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense seleccionou coma Peza do ano o “Sedente de Pedrafita”, un dos exemplos máis excepcionais da plástica castrexa.

O Museo das Peregrinacións e de Santiago súmase á iniciativa presentando aos cidadáns dous óleos de moi recente incorporación, as táboas “Fuxida de Teodoro e Atanáseo” e “A Raíña Lupa vendo pasar o corpo do Apóstolo”, incidindo na importancia do traballo do museo na busca de obras coma estas, que supoñen un incremento cualitativo na colección do Museo, o apóstolo Santiago e a súa lenda.

Pola súa banda, o Museo de Belas Artes da Coruña fixo para a ocasión unha pequena selección de pezas da fábrica Cerámica Celta de Pontecesures, entre as que se inclúe a reprodución de ‘O Tesouro’ de Francisco Asorey.