Ir o contido principal

Museo de Nosa Señora da Antiga

Museo de Nosa Señora da Antiga

O museo

O Colexio de Nosa Señora da Antiga é tamén coñecido como o Colexio do Cardeal (polo seu construtor) ou Colexio da Compañía (polos seus rexedores) e alcumado popularmente como o "Escorial Galego" pola magnitude do edificio. Foi construído entre finais do século XVI e principios do XVII, baixo o patrocinio do Cardeal Rodrigo de Castro para que, rexentado pola Compañía de Xesús, servira para a educación da bisbarra e de toda Galicia. Dende o ano 1873 o colexio é dirixido polos Pais Escolapios.

O conxunto monumental, situado nunha gran explanada no centro de Monforte, está formado polo edificio do colexio coa fachada de estilo renacentista herreriano, a Igrexa de Nosa Señora da Antiga, o claustro e o museo. A igrexa alberga importantes obras de arte das que destaca o retablo maior feito en madeira de nogueira por Francisco de Moure a comezos do século XVII e a estatua do cardeal Rodrigo de Castro fundida en bronce, obra do escultor Xoán de Boloña.

O museo, instalado na antiga sancristía, conta cunha pequena colección de pezas doadas polo cardeal entre as que cabe destacar as valiosas pezas bibliográficas, a documentación e os ornamentos litúrxicos, pero a maior xoia do museo é a súa pequena pinacoteca que conta con dous óleos de El Greco e cinco táboas de Andrea del Sarto.

http://www.escolapiosmonforte.com

P.P. Escolapios. Campo da Compañía, 50
27400, Monforte de Lemos

Tlf. 982 404 715 (Oficina Municipal de Turismo)
turismo@concellodemonforte.com

Horario

Só visitas guiadas de martes a domingo.
A visita comprende a fachada, a escaleira monumental, o claustro, a igrexa e o museo ou pinacoteca.
Consultar horarios de visitas na Oficina Municipal de Turismo de Monforte de Lemos.


Tarifas

Tarifa xeral: 4 €