Cuba

Cuba

Recipiente formado por doelas de madeira suxeitas por 6 arcos metálicos e pechado nos extremos por dúas tapas ou "tempas", de táboas ensambladas. A parte central do envase recibe o nome de "barriga" e os extremos o de "cabezas". Presenta unha abertura cuadrangular nun lateral da barriga. Ten as seguintes inscricións, labradas na madeira: {VIII} (exterior dunha doela); {AÑO DE 1766} (interior dunha tempa); Cruz de Lorena ou de Caravaca (pintada no exterior dunha tempa).

Emprégase sobre todo para elaborar e almacenar viño, asentada sobre canteiros calzados con forras para asegurar a súa estabilidade debido ao seu gran tamaño. Na boca aséntase a moxega para verter ou extraer máis comodamente o bagaño ou realizar os lavados. Para conservar o viño no interior, a boca cóbrese mediante unha tapa –ucho- selada con barro ou outros elementos –bosta, terra, fariña-.

Dimensións:
172 x 185,2 cm (diámetro máximo). Capacidade: 4.428,2 l = 33,5 moios.
Material/soporte:
Madeira e ferro
Contexto cultural:
1766. Procedencia: mosteiro de San Clodio (Leiro, Ourense)
Autoría:
Produción artesanal