Retrato nun exterior

Retrato nun exterior

Na festa do Santo Cristo, un grupo de homes, mulleres e nenos, fotográfase no Campo de Liñares, Abelenda, Avión, nunha comida de campo, uns sentados no chan e outros de pé, todos vestidos de festa; no centro un pano con varios recipientes, cestas de vimbio... detrás varias árbores en flor.

O fotógrafo saía do seu estudio e desprazábase como ambulante para ofrecer o seu traballo polas aldeas, neste caso, nun día de festa; as imaxes así recollidas adquiren importancia etnográfica, como mostra esta imaxe. O arquivo fotográfico Chao –propiedade da Xunta de Galicia e depositado no Museo Etnolóxico de Ribadavia- é unha mostra documental de Ribadavia e os seus habitantes ao longo dun século. Dende que en 1907 Luis Chao se fixera cargo do estudio fotográfico ata o 2005, distintas xeracións desta familia se sucederon. A súa prolongada actividade confire a este arquivo un interese extraordinario para a antropoloxía e a historia: persoas e acontecementos de todo un século que quedaron recollidas nunha fotografía, moitas veces ambulante, con retratos ao aire libre, interiores de traballo ou interiores domésticos.

Dimensións:
13 x 18 cm
Material/soporte:
Vidro / bromuro de prata sobre xelatina
Contexto cultural:
1940-1950
Autoría:
Foto Chao. Ribadavia