Rodicio e vara de muíño de auga

Rodicio e vara de muíño de auga

Este rodicio de madeira conta cunha roda horizontal de dezanove culleres (penas ou penlas) que saen radialmente dende a parte central da que sae un eixo vertical que traslada o movemento á roda do muíño. O eixo é un cilindro macizo na parte inferior (vara) e na parte superior leva unha fendedura lonxitudinal na que encaixa unha barra (beo) que fai xirar a moa ao poñerse en movemento os culleres coa corrente da auga do río.

Aínda que a orixe pode ser anterior, en Galicia foi na Idade Media (séculos XI e XII) cando aparecen os muíños de auga acadando unha tecnoloxía que permite usar a forza motriz da corrente acuática. Os muíños de río poden ser de dous tipos: de rodicio –roda horizontal- ou de bruia –roda motriz vertical- menos habituais en Galicia. Nos muíños de rodicio, o movemento xerado por este transmítese ao mecanismo de trituración formado pola moa –cilindro móbil de pedra- que vai sobre outra peza cilíndrica fixa –o pé-, ambas sobre o tremiñado. Estes muíños úsanse para moer cereais e o seu uso nas aldeas chegou ata mediados do século XX aproximadamente. A importancia etnográfica destas construcións é extraordinaria xa que eran lugares de uso comunitario e de socialización que deron lugar a unha espléndida cultura popular con refráns, poemas e un rico folclore arredor deles, ademais de un oficio tradicional: muiñeiro.

Dimensións:
Diámetro: 104 cm; Altura: 125 cm.
Material/soporte:
Madeira
Contexto cultural:
Idade contemporánea
Autoría:
Produción artesanal