Culeiro

Recipiente de gran tamaño feito de madeira (normalmente de vergas de castaño) que consta de dúas seccións, unha inferior de base cadrada e outra superior en forma de prisma que se abre nunha gran boca como un embude que amplía notablemente a súa capacidade. En dous lados, baixo o arranque do embude, ten dúas pequenas asas para suxeición manual. Na parte frontal leva dúas letras debuxadas con pintura vermella «JA».

Na zona do Ribeiro este contedor usábase durante a vendima para transportar as uvas ao carro ou á adega. Era este un traballo realizado por homes, denominados carrexóns. O culeiro pode acumular unha carga de 80 ou 90 kg de uva e de non colocarse o culeiro nun alto, necesitábase axuda para erguelo e apoialo sobre o mulido ou fulleiro. Un home, ou ben dúas mulleres, realizaban esta labor de apoio. Podía ter outros usos alternativos, como o transporte doutros produtos como estrume do monte ou o esterco das cortes para botalo nas gabias; na adega tamén se utilizaba para recoller o bagaño despois de prensar as uvas ou para levar o bagazo ao pote e facer augardente. Este cesto é exemplo da cestería de madeira aberta (ou cestería de vergas).

Dimensións:
73 cm (diámetro máximo) x 65 cm
Material/soporte:
Madeira / Cestería de madeira fendida ou cestería de vergas
Contexto cultural:
Transporte. Idade contemporánea
Autoría:
Produción artesanal