Vaso de San Cibrán de Las

Vaso de San Cibrán de Las

Vaso cilíndrico, "Tipo San Cibrán de Lás", con perfil cóncavo flexionado. Labio exvasado indefinido polo exterior e pregadura con faceta horizontal polo interior. Asa vertical cilíndrica a media altura. Fondo plano con transición en ángulo e aristada por fóra e redondeada por dentro. A decoración ocupa todo o exterior do corpo, se ben o tramo equivalente á altura da asa recibe unha especial atención. Son incisións suaves que compoñen bandas horizontais formadas por tres liñas agrupadas e intercaladas con zig-zags de dobre trazo na parte media e por dúas liñas e intervalos lisos, nos extremos. Pasta de textura media e coloración discontinua entre o castaño avermellado e o gris case negro. Superficies alisadas, suavizada e uniforme a exterior, avultada e coas marcas dos rolos de arxila a interior.

Procedente do castro de San Cibrán de Lás (San Amaro-Punxín, Ourense). Encontrado en "escavación arqueolóxica" (ano 1982). Coñécense os datos técnicos de rexistro pero non a interpretación do contexto. O seu encadre cronolóxico en torno ó cambio de era determínao a súa presenza regular en San Cibrán de Lás e a súa cronoloxía de ocupación. Redundan na mesma idea os estampillados tardíos que ás veces os adornan e os paralelos en castros con ocupación coetánea. A conservación parcial e fragmentada da vasilla exclúe un contexto posdeposicional de uso. A porcentaxe recuperada e o tipo de fracturas quebradas apuntan á súa aparición nun botado de lixo. A enorme variedade de tamaños neste tipo de vasillas -entre 6 e 35 cm- fai supoñer usos diferentes. A presenza de feluxe relaciónaas co lume. A decoración e a forma rememoran os caldeiros feitos de táboas e arandelas de metal.

Dimensións:
16,4 x 21 x 1,2 cm
Material/soporte:
Arxila modelada
Contexto cultural:
Castrexo. Século I a. C. - I d. C.
Autoría:
-