Tríscele calado de Castromao

Tríscele calado de Castromao

Perpiaño en cuxo centro se inscribe un tríscele calado de raios destrorxos, trazados sen compás, de 29 cm de diámetro, e sen moldura exterior, que ten a especial característica de ter ocos os espazos entre os raios. Por unha cara cada raio está decorado con outro lixeiramente rebaixado, pola cara oposta é liso e só son visibles as perforacións.

Esta peza foi atopada nas primeiras escavacións de Castromao, dirixidas en 1966 por Mariano García Rollán, centradas no sector NW da plataforma inferior, sen un contexto claro. Aínda que son escasas as pezas caladas, os motivos de esvásticas e rosetas son moi abundantes na zona sur da cultura castrexa. Sobre a súa función, simbolismo e cronoloxía existen diferentes e contravidas teorías. Para uns autores terían unha simple función decorativa, considerándoo unha arte provincial romana; outros, sen embargo, apuntan para elas unha orixe prerromana, froito da interpretación de motivos decorativos difundidos dende o Mediterráneo por toda Europa, realizados, tal vez , nun primeiro momento en soportes perecedoiros e cunha alta carga simbólica que irían perdendo ó longo do século I d. C. Simbolismo que outros investigadores relacionan cos cultos solares e cunha función protectora, vinculándoo coas esvásticas protohistóricas célticas.

Dimensións:
44 x 46 x 11 cm
Material/soporte:
Granito labrado
Contexto cultural:
Castrexo. Século I a. C.-I d. C.
Autoría:
-