Camafeo “de imitación” das Burgas
Pechar

Camafeo “de imitación” das Burgas

O motivo decorativo desta peza é netamente helenístico e fai referencia ao baño de Venus/Afrodita. A deusa, á esquerda da composición, espida e de perfil, está a prepararse para o baño, co cabelo recollido nun moño e descalzando coa man dereita o pé esquerdo, que levanta do chan, polo que aparece co xeonllo flexionado, mentres que co brazo esquerdo apóiase sobre unha rocha na que descansa tamén o seu manto. No lado dereito, fronte á deusa, aparece outra figura feminina tamén de perfil e espida, que coas súas mans sostén un recipiente desde o que verte auga sobre outro de morfoloxía globular e con tres pés. Elaborouse a partir de dúas capas, superpondo unha branca opaca coas figuras que a decoran, a outra azul translúcida que actúa de fondo. A obtención da decoración en quente, mediante fundido en molde, fixo que a delimitación dos volumes non sexa nítida pola presenza de zonas de contacto identificables como excedentes de vidro ou rebarbas.

O camafeo da casa dos Fornos -situada na traseira das Burgas- apareceu a carón dunha piscina romana de uso balneario, coa que cabe relacionar tamén as aras votivas atopadas dedicadas a Reve Anabaraeco e as Ninfas, divindades ás que se lle rendía culto por ser as que lle proporcionaban os principios curativos e caloríficos a estas augas mineromedicinais. A súa iconografía é idéntica á dun camafeo do British Museum, tallado en pasta vítrea azul e branca e con gran naturalismo e precisión no seu relevo fronte ó esquematismo do camafeo das Burgas, cun relevo máis plano. O emprego dun molde na súa elaboración ponnos diante dunha reprodución do motivo decorativo en serie -e de non moi boa calidade, a base de pastas vítreas tipo nicolo ou de dúas capas- o que nos introduce no mundo das imitacións e incluso das falsificacións. O emprego desta técnica de baixo custo vai permitir que teña acceso e estes obxectos, orixinalmente de luxo, una maior parte da poboación a partir do século II.

Dimensións:
3,1 x 3,4 x 0,6 cm 
Material/soporte:
Pasta vítrea fundida a molde 
Contexto cultural:
Imperio Romano. Mediados do século II 
Autoría: