Ara a Reve
Pechar

Ara a Reve

Trátase dunha ara votiva de granito, coa cabeceira repicada, sen que se poida distinguir o foculus nin os rolos, faltándolle tamén a base, que ó igual que unha das caras laterais e a posterior foron modificadas para adaptala ó muro do que formaba parte. No campo epigráfico, distribuído en catro liñas, lese a seguinte inscrición: REVE / . ANA / BARA / ECO Cuxa tradución é: Ó deus Reve Anabaraeco.

Esta peza apareceu ó derrubar unha parede interior, na traseira que sobre as Burgas ten a casa nº 4 da rúa Cervantes. Atopámonos ante unha dedicación ó deus indíxena REVE, acompañada dun epíteto tamén indíxena ANABARAECO, na que falta o nome do dedicante e a fórmula dedicatoria. Reve é un deus prerromano, relacionado coas correntes de auga e os ríos. Polo que respecta ó epíteto ANABARAECO, significa “lugar onde gurgulla a auga”; ANA, nome xenérico de río ou auga, e BARA da raíz indoeuropea *bher, co significado de “ferver, gurgullar”. Deste modo o epíteto toponímico ANABARA estaría describindo a realidade xeográfico-xeolóxica da auga que gurgulla, facendo referencia directa ós mananciais de auga quente mineromedicinal que brotan nas Burgas. Esta dedicación, xunto con outra ás Ninfas e as cinco descubertas recentemente confirman a importancia que estes afloramentos tiveron na antigüidade.

Dimensións:
64 x 27 x 25 cm 
Material/soporte:
Granito labrado 
Contexto cultural:
Imperio Romano 
Autoría: