Tabula de Castromao
Pechar

Tabula de Castromao

Placa rectangular, con marco moldurado, cun apéndice a modo de lingüeta na parte superior. Recolle un pacto de hospitalidade entre os coelernos e Gneo Antonius Novaugustanus, prefecto da primeira Cohorte dos Celtíberos: “G(neo) IVLIO. SERVIO. AUGURINO. G(eneo) TREBIO. SERGIANO. CO(n)S(ulibus). COELERNI. EXHISPANIA. CITERIORE. CONVENTUS. BRACARI. CVM. G(neo). ANTONIO. AQUILO. NOVAUGUSTANO PRAEF(echo). COH(ortis). I. CELTIBERORUM. LIBERIS. POSTERISQUE. EIVS. HOSPITIUM. FECERUNT. G(neus). ANTONIVS. AQVILVS. CUM. COELERNIS. LIBERIS. POSTERISQUE. EORUM. HOSPITIUM. FECIT. LEGATUS. EGIT P(ublius). CAMPANIVS. GEMINVS”. “Sendo cónsules Gneo Julio Augurino e Gneo Trebio Sergiano, os Coelerni da Hispania Citerior e do convento de Braga, fixeron un pacto de hospitalidade con Gneo Antonio Aquilino Novaugustano, prefecto da primeira Cohorte dos Celtíberos cos seus fillos e descendentes. Gneo Antonio Aquilo fixo pacto de hospitalidade cos Coelerni, cos seus fillos e descendentes. Actuou como legado Publio Campanio Gémino”.

Contextualización da peza: Documento de extraordinaria importancia para o estudo da organización social e proceso de romanización do NW peninsular. De forma inexacta vénse denominando tessera de hospitalidade, pero pola súa forma e función responde a unha tabula de hospitalidade. As tesserae son de pequeno tamaño e formas variadas, fronte ás tabulae, de forma laminar, rectangular, ás veces rematada en frontón triangular como a do Courel ou as de Vila Nova de Gaia, e con maior tamaño e peso. A tabula serve para dar fe pública da relación que se establece, e como tal custódiase nun edificio público da comunidade, nun lugar visible para todos os membros. Este texto serviu para fixar o nome dun dos cónsules como Xulio e non como Xunio, como se viña facendo ata o momento. Sabemos que se data no 132 polo nome dos cónsules que aparecen citados no texto, seguindo a tradición de Roma de datar cos nomes dos cónsules elixidos cada ano. Como notario actuou o legado Publio Campanio Gémino. A tabula permite situar a capital Coeliobriga no recinto castrexo de Castromao.

Dimensións:
31 x 23 x 0,4 cm 
Material/soporte:
Bronce fundido 
Contexto cultural:
Galaico-romano. 132 d. C. 
Autoría: