Dolium de Santomé
Pechar

Dolium de Santomé

Os dolia son recipientes de barro de corpo globular, que nalgúns casos chegan a acadar dous metros de alzada, usados normalmente no mundo romano para almacenar produtos agrícolas. Este que nos ocupa ten 75 cm. de alto e unha capacidade de 212 litros. O seu bordo é entrante, con labio de sección triangular, aplanado oblicuamente (para asento dunha tapadeira ou opercula, hoxe perdida); a base é plana e de reducidas dimensións. Dos seus ombreiros saen dúas grosas asas, de sección bilobulada ó exterior e plana ó interior. A pasta é de cor avermellada con abundante desgraxante de cuarzo branco, recuberta ó exterior por unha capa de engobe fino e brillante de cor alaranxada, que se mantén principalmente na metade inferior.

Os dolia eran recipientes destinados tanto ao almacenaxe como para o transporte de produtos, sobre todo viño, como demostra a súa aparición en diferentes pecios. Ademais tamén se gardaba trigo, aceite, peras e uvas, ou alimentos en salmoira. Tamén se utilizaban para a cría e ceba do leirón, considerado un manxar para os romanos. O máis habitual é atopalos enterrados na terra para evitar o contacto do aire, ó tempo que contribúe a manter a súa estabilidade. Este que nos ocupa dá a impresión que nunca estivo soterrado, dada a dispersión dos fragmentos. Apareceu nunha estancia con acceso independente ó exterior, silo de cachotería e piso de terra apisoada, o que confirma que esta construción funcionaba como almacén en relación coa produción agrícola-gandeira. Este tipo de almacenaxe pon de manifesto unha nova concepción económica, con novos métodos de explotación agrícola, que son introducidos no NW coa chegada dos romanos.

Dimensións:
75 x 80 x 4,8 cm 
Material/soporte:
Arxila modelada por rolos 
Contexto cultural:
Baixo Imperio Romano. Mediados do século III a acomezos do V 
Autoría: