Guerreiro da Cibdá de Armea
Pechar

Guerreiro da Cibdá de Armea

Estatua de guerreiro, da que só se conserva o torso cortado xusto por baixo do cinto, coas características iconográficas das estatuas de guerreiros galaicos: figura ergueita cos brazos pegados ao corpo, aínda que o esquerdo está mutilado por debaixo dos brazaletes. A man dereita sostén unha espada de folla ancha e alongada de tipo parazolium e repousa no escudo redondo ou caetra completamente liso, sen sinais de inscrición ou decoración e co umbo destacado lixeiramente. Viste sagum, túnica curta, rematada nos brazos a media manga, por riba dos brazaletes ou viria, que están formados por tres ou catro molduras, segundo sexa o brazo esquerdo ou o dereito, e leva unha coiraza á que lle faltan os bicos superiores. Aínda que moi erosionada, vese unha liña vertical que corre polo centro do peito e polas costas. O cinto está formado por dúas baquetas ou toros lisos paralelos.

A maior parte das estatuas deste tipo foron encontradas fóra de contexto, reaproveitadas como material construtivo, sempre próximas a xacementos castrexos cunha forte presenza romana. A peza que nos ocupa, segundo relata Conde Valvís, formaba parella con outra que recordaba ver sendo neno enriba da varanda da solaina dunha casa en Outeiro de Laxe. Ámbalas dúas ingresaron no Museo en 1953. Sobre a funcionalidade destas figuras enunciáronse diversas hipóteses, sendo interpretadas como: funerarias, votivas, honoríficas, consagración dos xefes ou guerreiros mortos, príncipes ou heroes locais que loitaban nas tropas auxiliares romanas, etc. Recentes investigacións sitúanas nas entradas dos castros, mesmo naqueles que coñeceron un importante desenvolvemento despois da conquista romana. Deste modo, como sinala Calo Lourido, os guerreiros serían un instrumento que usaba Roma no proceso de aculturación, permitindo que os notables do castro levantasen estatuas coa súa propia identidade formal.

Dimensións:
70 x 55 x 36 cm 
Material/soporte:
Granito labrado 
Contexto cultural:
Castrexo. Século I d.C. 
Autoría: