This content requires HTML5 & Javascript or Adobe Flash Player Version 9 or higher.
Pechar

Mercurio de San Salvador de Seiró

Figúrase a Mercurio adolescente, de pé, apoiado sobre a perna dereita e coa esquerda lixeiramente flexionada. O corpo nu, de bo modelado e proporcións, sinala con detalle a súa anatomía. Leva a clámide colgada no ombro esquerdo e recollida no brazo en tres grosos pregados, deixando ver na man o lugar no que encaixaba o desaparecido caduceo que porta Mercurio como símbolo da paz e mensaxeiro dos deuses. O brazo dereito sepárase do costado portando na man a clásica bolsa ou marsupio trilobulado, símbolo da actividade comercial. A cabeza cóbrese cun petasos alado do que sobresaen uns guechos que caen sobre a fronte. Ten perforada a pupila dos ollos e moi marcadas as pálpebras e as comisuras da boca. Fáltanlle os pés e ten ocos na superficie produto das burbullas de aire da fundición. A figura asenta nunha base de bronce circular co bordo dentado, ornada con flores de lis e elevada sobre dous cans -fáltalle un terceiro- que a suxeitan coas súas patas dianteiras.

Esta figura de Mercurio, encontrada en 1918 no lugar de San Salvador de Seiró, cerca da vía romana de Braga a Astorga, conta con numerosos paralelos de ampla difusión espacial e gran perduración temporal en diversas provincias do Imperio, constituíndo un bo exemplo da romanización do territorio. É unha peza de carácter profundamente romano, estreitamente ligada ás manifestacións cultas e oficiais, fronte a outras figuras desta mesma divindade de arte máis local, como as de Taboexa e Lugo. A relativa abundancia de figuriñas de bronce, tanto de Mercurio como de outras divindades de filiación clásica procedentes de lararios de culto doméstico, complementan as noticias epigráficas acerca da relixión da Galicia romana, reflectindo así mesmo unha importante actividade comercial. Todas elas, constitúen unha mostra clara da incidencia dos novos cultos, que se introducían e solapaban cos xa existentes, reinterpretando e unificando simboloxías nun perfecto sincretismo.

Dimensións:
17,5 x 8,1 x 5,4 cm 
Material/soporte:
Bronce fundido á cera perdida 
Contexto cultural:
Imperio romano. Séculos II– IV 
Autoría: