Pechar

Modillón de Vilanova dos Infantes

Bloque granítico labrado composto de dúas partes: un tronco de pirámide cuadrangular cun saínte conformando unha forma en “L” tombada sobre o pau máis longo. A primeira parte mostra un labrado alisado, sen decoración, pois constitúe a área do conxunto que iría encaixada no muro da igrexa. A outra parte é un modillón de bastante voo: unha moldura de caveto (un cuarto de círculo cóncavo) con plano superior liso, que remataría na cornixa, mentres que o plano curvo se adorna cunha serie de oito lóbulos graduados, de maior tamaño o primeiro; labrados con técnica a bisel. Altérnanse rodas helicoidais de cinco raios curvos (agás o rolo maior que presenta seis raios) en sentido sinistro e rosetas de seis pétalos.

Esta peza, xunto a outro modillón e un capitel, doadas ao Museo por José A. Queralt, procede do desaparecido mosteiro de Vilanova dos Infantes, fundado por Ilduara, nai de San Rosendo, cara aos anos 930-940. O estilo da fábrica do mosteiro corresponde ás fórmulas arquitectónicas do século X. Nesta época, a reforma monástica levada a cabo por San Rosendo e a política de repoboación iniciada por Afonso III darán lugar ao nacemento dunha nova arquitectura. Definida por Gómez Moreno como arte mozárabe, sería realizada por unha minoría cristiá que, formada na tradición musulmá, fuxira ao norte despois da primeira persecución cordobesa. Na actualidade, esta arte considérase integradora, o que se manifesta na pervivencia dun pasado hispanogodo, de tradición visigoda e mesmo hispanorromana. No século XVI, tras ser abandonado o mosteiro, a igrexa pasa a ser parroquial ata a construción da actual en 1614, sendo vendidas as súas pedras en pública poxa no ano 1893.

Dimensións:
32 x 87 x 18 cm 
Material/soporte:
Granito labrado 
Contexto cultural:
Mozárabe. Último terzo do século X 
Autoría: