Placa de Amiadoso

Bloque prismático de mármore autóctono que ten decoradas todas as súas caras, froito da súa utilización en dous momentos históricos diferentes, presumiblemente nos séculos II d.C e IX-XI d.C. No primeiro decorouse na súa orientación vertical, con motivos propios da arte romana. No frontal, encadrado por un listel, presenta unha mata de acanto da que saen roleos e talos nos que peteiran dous paxaros, e nos laterais senllas cráteras gallonadas das que xorde un talo ondulado de vide con follas e acios. No segundo momento este elemento de orixe pagá, cristianízase. A peza pasa entón a utilizarse horizontalmente e lábranse as outras tres caras. Na frontal, nun marco rectangular, dúas figuras enfrontadas sosteñen algo nas súas mans; escena de difícil lectura que as últimas interpretacións supoñen a Ascensión de Cristo. No interior do marco, aparece un talo ondulante con follas, motivo que se repite nos lados menores pero cunha tetrafolia inscrita nun círculo nun dos extremos.

A peza encontrouse incrustada nunha das paredes dos restos dunha construción, identificada por Xoaquín Lorenzo como posible capela visigótica, no lugar de Amiadoso (San Martiño de Pazó, Allariz). Tanto no lugar de Amiadoso coma en Pazó hai restos arqueolóxicos tardorromanos e de arquitectura prerrománica. A datación da peza é problemática por canto a temática da plástica inicial -acantos, roleos, vides que saen dunha crátera- poden ser lidas como “arte provincial para un cliente culto” de tipo dionisíaco ou funeraria de época romana ou mesmo cun simbolismo cristián, coma nos seus paralelos de Braga ou Oviedo. Considérase un dos mellores exemplos da plástica romana en Galicia e, polos motivos representados e a súa calidade formal e técnica, pódese datar no século II. A escena do segundo momento ten os seus paralelos en San Xoán de Camba ou San Isidoro de León, e de ser certa a súa interpretación ofrece un interese iconográfico excepcional.

Dimensións:
65 x 46 x 15 cm
Material/soporte:
Mármore labrado
Contexto cultural:
Século II d. C. e Séculos IX-X d. C.
Autoría:
-