Sedente de Pedrafita

Representa unha figura sedente á que lle falta a cabeza, sostendo entre as mans un recipiente de libación. Viste unha sinxela túnica con escote en V que lle chega por baixo dos xeonllos, deixando ver unhas pernas simétricas, ben modeladas e lixeiras, que contrastan coa sensación cúbica e de peso que transmite o resto da labra. Como único adorno leva un aro ancho en cada pulso.  O trono que lle serve de asento mostra unha gran exuberancia formal. Está decorado con motivos de dentes de lobo nos traveseiros laterais e cun coidado tríscele inscrito nun círculo no respaldo, motivo este recorrente en toda a plástica castrexa e cuxa utilización aquí acentúa o valor simbólico que comporta o trono, emblema en todas as culturas antigas da divindade e dos homes de alto liñaxe.

Atopouse de xeito casual ao realizar unhas obras no cemiterio de San Martiño de Pedrafita (A Teixeira, Ourense). A peza incrementa o número de esculturas deste tipo coñecidas ata a data (Xinzo, Lanhoso, Braga), todas localizadas dentro do ámbito do Convento Bracarense en hábitats moi romanizados, pero tamén cun forte substrato indíxena. En canto a súa funcionalidade, as interpretacións foron variadas, dende consideralas como matres, parellas divinas, tríades ao xeito galo, relacionadas coa veneración á terra-nai ou, por último, como figuras funerarias, ligadas ao rito de incineración, similares as damas sedentes do mundo ibérico, aínda que neste caso considéranse figuras masculinas.  Teñan unha función ou outra o certo é que os sedentes supoñen a concreción plástica das inquedanzas, anhelos ou medos do home galaico-romano ante a morte ou a divindade e, sen dúbida, representan unha das manifestacións máis interesantes da escultura do noroeste peninsular.

Dimensións:
63 x 36 x 45 cm
Material/soporte:
Granito labrado
Contexto cultural:
Castrexo. Século I a. C. - Século I d. C.
Autoría:
-