Vaso de Castromao

Vaso pechado de perfil en S flexionado. Corpo globular ovalado máis ancho que alto. Labio exvasado e monofacetado e bordo redondeado. Colo cilíndrico co punto de máxima inflexión preto do arranque do labio e transición interior en ángulo cara ó ombro, que provoca un nacemento moi expandido do corpo. Fondo plano con rebordo perimetral exterior e transición interior aplanada. Pasta de textura fina e ton acastañado. Acabado moi fino con engobe negro brunido en toda a superficie exterior e interior da boca. Fondo retocado unha vez desprendido da plataforma de modelado. Percíbense avultamentos dos rolos de arxila no interior do corpo. Toda a vasilla se decora con acanaladuras, tres no ombro que remarcan a forte expansión do corpo, unha cerca da base que define un rebordo perimetral e todo o corpo recuberto con trazos verticais, onde brilla o acanalado e é áspero nos intervalos.

Procede do castro de Castromao (Celanova, Ourense). Encontrado nunha "exploración clandestina". Carece de calquera contexto arqueolóxico. O seu estilo decorativo, formal e técnico inclúena na olaría Miño, nun ambiente cronolóxico próximo ao cambio de era: por desprazamento dos acanalados ó corpo, en lugar de no colo, a ausencia de selos, a súa fina manufactura e o aire "clásico" da vasilla. A conservación completa e sen fragmentar (os descascados do bordo parecen posteriores á recuperación da peza) apunta a un ambiente orixinal de uso ou en todo caso, considerando o seu reducido tamaño que favorece a súa preservación, a un ambiente posdeposicional pouco alterado. O seu reducido tamaño, o seu cómodo manexo na conca das mans e a decoración repartida por toda a vasilla induce a falar dun vasiño concibido para estar en movemento. A aspereza do bordo e do fondo pode que teñan que ver co uso, que sería prolongado e non tería que ver co lume (non ten restos de feluxe).

Dimensións:
7’50 x 10 x 0,3 cm
Material/soporte:
Arxila modelada
Contexto cultural:
Castrexo. Século II a. C. Século I d. C.
Autoría:
-