Pechar

Inmaculada

Representa á Virxe de pé, sobre a media lúa e unha serpe de grosas espiras, portando un libro aberto na man esquerda. Na man dereita, hoxe perdida, levaría o ramo de azucenas símbolo da súa pureza. Mostra a cabeza ladeada, cos ollos entornados e espesos cabelos ondulados, cuberta cunha toca anoada sobre o peito, onde loce unha xoia redonda das habituais en Juni. As roupaxes envolven á figura, distribuíndose en grandes masas de avultadas pregaduras que determinan esas formas rotundas e redondeadas, correspondentes á serenidade expresiva do último período de produción do imaxineiro castelán. Non falta nesta talla o característico movemento helicoidal, moi manierista. A excelente calidade da talla refórzase co dourado da policromía e o tratamento das carnacións, que contribúen a alcanzar a súa expresión final de acentuada naturalidade.

É obra documentada de Juan de Juni, quen a cita no seu testamento como encargo de dona Inés Pérez de Belmonte para a súa capela funeraria no convento de San Francisco de Ourense.  A imaxe, que supón a chegada ás nosas terras do influxo directo da escultura castelá do momento, obedece ao tipo iconográfico establecido por Juni na escultura da Purísima do retablo da Antiga de Valladolid e na da igrexa do Salvador de Arévalo (Ávila).  Corresponde á etapa final de produción do artista de orixe borgoñona quen personaliza, xunto a Berruguete, a principal contribución á escultura do renacemento español e que vai deixar unha profunda pegada en boa parte da escultura manierista galega ata comezos do século XVII.

Dimensións:
127 x 50 x 37 cm 
Material/soporte:
Madeira tallada e policromada 
Contexto cultural:
Renacemento. Ca. 1577 
Autoría:
Juan de Juni