Pechar

Capitel do Lavatorio dos pés

Capitel exento no que se representa en relevo a escena evanxélica do Lavatorio. Na súa cara principal aparece Cristo no momento de lavarlle os pés a Pedro. Ao seu redor dispóñense as figuras de oito apóstolos sentados en parellas, en sacra conversación, e outros dous que asoman as súas cabezas nos ángulos. O autor, por falta de espazo para representar a todos os apóstolos, recorreu nalgúns casos á simboloxía dos seus atributos, podendo recoñecerse a Santiago pola cuncha de vieira. A transición da forma prismática rectangular do ábaco á circular da cesta faise por medio de follas trilobuladas carnosas e naturalistas, e por un plano circular que sobresae lixeiramente, recurso este que vai ser utilizado de xeito recorrente con posterioridade.

Esta obra encádrase nese contexto de indefinición e transición que Moralejo definiu como “estilo ourensán”, caracterizado polo relevo profundo e acusado das figuras, o xeito de acomodalas, a redondez dos seus rostros e unha marcada tendencia ás formas xeométricas, claramente visible nos pregues das indumentarias. Un estilo forxado pola man dos escultores foráneos da Claustra Nova da catedral ourensá -de onde se considera procede tamén esta peza- que pervivirá no tempo, estendéndose durante a primeira metade do século XIV por distintos puntos de Galicia. Comezando pola catedral de Santiago será reinterpretado con posterioridade non só nos capiteis do claustro de San Francisco de Ourense senón noutros conventos franciscanos, e cuxa orixe última pódese rastrexar na portada abacial de Saint- Denis en Francia, tendo como punto intermedio o claustro gótico da catedral burgalesa.

Dimensións:
39 x 37 x 37 cm 
Material/soporte:
Granito labrado 
Contexto cultural:
Gótico. Comezos do século XIV 
Autoría: