Cabeza de Rubiás

Cabeza de guerreiro, en granito, de coidada execución na que o artista procura reflectir todos os elementos anatómicos. Os ollos son grandes e de forma amendoada, pero sen sinalar as meniñas; o nariz é prominente e ancho na súa base. Os beizos, apenas perfilados, parecen debuxar un ricto melancólico. O cabelo, indicado na parte posterior por medio dun lixeiro rebordo na zona occipital -detalle que algúns autores interpretan como casco- deixa á vista unhas orellas ben definidas e anatomicamente convincentes. O pescozo vai adornado cun torques que aparece roto na parte dianteira. Estas características proporciónanlle un carácter individual, case de retrato, que o personaliza e diferenza doutras cabezas de guerreiros.

Cabeza, de indubidable factura castrexa, reutilizada como remate dunha fonte no lugar de Rubiás, Bande, de onde foi recollida en 1935 tras unha visita dos membros da Comisión de Monumentos a este frutífero xacemento galaico-romano do sur de Ourense. Tradicionalmente, aínda que con moitas reservas por parte dalgúns investigadores que sinalan a probable existencia doutras estatuas de guerreiros castrexos pola zona, vense considerando que é a cabeza dunha escultura que levaría no seu escudo a inscrición Adrono Veroti. F., segundo información proporcionada por Mauro Castellá Ferrer en 1609 e que a sitúa en Rubiás. Esta cabeza constitúe un exemplo senlleiro da plástica castrexa e resulta especialmente atractiva polas súas formas e rotundidade expresiva.

Dimensións:
30 x 30 x 20 cm
Material/soporte:
Granito labrado
Contexto cultural:
Castrexo. Século I d. C.
Autoría:
-